Feitos dos Apóstolos 2:1-47
2 Durante o día da Festa de Pentecostés, xuntáronse todos no mesmo sitio.
2 Mentres estaban alí sentados, de repente, escoitaron un ruído que viña do ceo, como o dun vento moi forte, que se sentiu por toda a casa.
3 Entón, empezaron a ver algo parecido a pequenas chamas de lume* que se foron repartindo, e cada unha foise pousando enriba de cada un deles.
4 Todos se encheron de espírito santo e empezaron a falar en diferentes idiomas, tal e como o espírito lles permitía falar.
5 Nesa época, en Xerusalén había xudeus devotos que viñeran de tódalas nacións do mundo.
6 Así que, cando se escoitou aquel ruído, xuntouse unha multitude que estaba desconcertada porque cada persoa escoitaba falar os discípulos no seu propio idioma.
7 De feito, estaban moi impresionados e dicían: “Vistes iso? Todos estes que están falando son galileos, non?
8 Entón, como é que cada un de nós está oíndo o seu idioma materno?
9 Os que estamos aquí somos de Partia, Media e Elam, tamén de Mesopotamia, de Xudea e de Capadocia, do Ponto e da provincia de Asia,
10 de Frixia e de Panfilia, de Exipto e das rexións de Libia cerca de Cirene, xente que vén de Roma, tanto xudeus coma prosélitos*,
11 de Creta, de Arabia... e aínda así todos os estamos oíndo falar das cousas magníficas de Deus nos nosos idiomas”.
12 Todos estaban pasmados e confundidos, e dicíanse uns ós outros: “Pero que está pasando aquí?”.
13 Pero outros burlábanse deles e dicían: “Estes están borrachos”.
14 Entón Pedro púxose de pé cos Once, levantou a voz e díxolle á xente: “Homes de Xudea e de Xerusalén, escoitade con atención o que vos digo e sabede isto.
15 O certo é que estas persoas non están borrachas como vós pensades, porque son as 9 da mañá*.
16 O que de verdade está pasando é o que se dixo mediante o profeta Xoel:
17 ‘Deus di: “Nos últimos días, derramarei parte do meu espírito sobre todo tipo de persoas. Os vosos fillos e as vosas fillas profetizarán, a vosa xente nova terá visións e a vosa xente maior terá soños.
18 E neses días incluso derramarei o meu espírito sobre os meus escravos e escravas, e eles profetizarán.
19 Farei cousas impresionantes arriba no ceo e milagres* abaixo na terra: haberá sangue, lume e nubes de fume.
20 O sol converterase en escuridade e a lúa en sangue antes de que veña o grande e glorioso día de Xehová*.
21 E a todo o que pida axuda usando* o nome de Xehová*, el vaino salvar”’.
22 ”Homes de Israel, escoitade isto: Como ben sabedes, Deus demostrou claramente que enviara a Xesús o Nazareno, porque mediante el fixo milagres, sinais e cousas impresionantes no medio de vós.
23 A este home, que foi entregado pola vontade e a presciencia* de Deus, vós cravástelo nun madeiro coa axuda de homes malvados*, e matástelo.
24 Pero Deus resucitouno liberándoo das garras* da morte, porque era imposible que a morte o mantivese preso.
25 De feito, David di del: ‘Sempre teño a Xehová* diante dos meus ollos, porque el está á miña dereita para que nada me sacuda xamais.
26 Por iso se puxo contento o meu corazón e se encheron de alegría as miñas palabras. E eu vivirei con esperanza,
27 porque non me deixarás* na Tumba* nin permitirás que o corpo do teu servo leal se descompoña.
28 Ensináchesme os camiños da vida. Encherás o meu corazón de alegría diante de ti*’.
29 ”Irmáns, deixádeme ser franco con vós e falarvos sobre o noso patriarca David. El morreu e foi enterrado, e a súa tumba aínda está hoxe entre nós.
30 Como era profeta e sabía que Deus lle xurara que ía sentar no seu trono un dos seus descendentes,
31 soubo de antemán que o Cristo ía ser resucitado e falou diso. De feito dixo que o Cristo non sería abandonado na Tumba* e que o seu corpo non se descompoñería.
32 Deus resucitou a Xesús e todos nós somos testemuñas diso.
33 El foi elevado á dereita de Deus e recibiu o espírito santo que o Pai lle prometera. Por iso derramou sobre nós espírito santo, e iso é o que estades vendo e oíndo.
34 Porque David non subiu ós ceos, pero el mesmo di: ‘Xehová* díxolle ó meu Señor: “Séntate á miña dereita
35 ata que poña os teus inimigos como banco para os teus pés”’.
36 Polo tanto, que toda a casa de Israel saiba sen ningunha dúbida que Deus fixo a Xesús Señor e Cristo, a quen vós executastes nun madeiro”.
37 Cando oíron isto, sentiron unha dor que lles atravesaba o corazón e preguntáronlles a Pedro e ós demais apóstolos: “Irmáns, que debemos facer?”.
38 Pedro díxolles: “Arrepentídevos e que cada un de vós se bautice no nome de Xesucristo para que os vosos pecados sexan perdoados, e recibiredes o regalo do espírito santo.
39 Porque a promesa é para vós e os vosos fillos, e para tódolos que están lonxe, para tódolos que Xehová*, o noso Deus, escolla”.
40 Pedro usou outros moitos argumentos para darlles un testemuño completo e aconselloulles: “Salvádevos desta xeración malvada”.
41 Así que os que aceptaron de boa gana a súa mensaxe bautizáronse. Naquel día uníronse ós discípulos unhas 3000 persoas.
42 E seguiron aprendendo o que ensinaban os apóstolos. Ademais, pasaban tempo* uns cos outros, comían xuntos e oraban.
43 Os apóstolos fixeron moitos milagres e cousas impresionantes, e tódalas persoas empezaron a sentir temor*.
44 Os que se facían crentes estaban xuntos e compartían todo o que tiñan.
45 Vendían as súas terras e os seus bens, e os cartos que conseguían repartíanos entre todos segundo o que necesitaba cada un.
46 Ademais, xuntábanse no templo día tras día co mesmo obxectivo. Comían en diferentes casas, compartían a súa comida con moita alegría e de todo corazón,
47 dábanlle gloria a Deus e facían que toda a xente tivese unha boa opinión deles. Cada día, Xehová* seguía escollendo máis persoas para que se salvasen, e chegaban a ser discípulos.
Notas ó pé
^ Ou “linguas de lume”.
^ Lit. “é a hora terceira do día”.
^ Lit. “sinais”.
^ Ou “a todo o que invoque”.
^ Lit. “que violaban a lei”.
^ Ou quizais “das cordas”.
^ Ou “da túa presenza”.
^ Ou “compartían cousas”.