Feitos dos Apóstolos 28:1-31

  • Chegan a Malta (1-6)

  • Paulo cura o pai de Publio (7-10)

  • Viaxe ata Roma (11-16)

  • Paulo fala cos xudeus de Roma (17-29)

  • Paulo predica con valor durante dous anos (30, 31)

28  Cando xa estabamos todos a salvo, soubemos que a illa se chamaba Malta. 2  Os que vivían na illa* tratáronnos cunha amabilidade extraordinaria. Como estaba chovendo e facía frío, fixeron unha fogueira e invitáronnos a acercarnos. 3  Pero cando Paulo xuntou un feixe de paus e os botou ó lume, saíu de alí unha víbora que escapaba da calor. Entón, mordeuno na man e quedoulle enganchada. 4  Cando os habitantes da illa viron a víbora colgando da súa man, empezaron a dicirse uns a outros: “Seguro que este home é un asasino. Porque aínda que se salvou do mar, a Xustiza* non lle deixou vivir”. 5  Pero Paulo sacudiu a man e a víbora caeu no lume, e a el non lle pasou nada malo. 6  Eles contaban con que Paulo empezase a inchar ou morrese de repente. Pero despois de esperar moito tempo e ver que non lle pasaba nada, cambiaron de opinión e empezaron a dicir que era un deus. 7  O home máis importante da illa tiña unhas terras cerca daquel sitio. Chamábase Publio. El deunos a benvida e mostrounos hospitalidade acolléndonos durante tres días. 8  Resulta que seu pai estaba na cama porque tiña febre e disentería*​. Entón Paulo foi onda el, orou, puxo as mans enriba del e curouno. 9  Despois disto, os demais enfermos da illa empezaron a ir onda Paulo e el curounos. 10  Tamén nos mostraron o seu respecto facéndonos moitos regalos. E cando iamos embarcar, déronnos todo o que necesitabamos. 11  Despois de botar tres meses na illa, saímos nun barco que tiña un mascarón de proa* dos Fillos de Zeus. O barco era de Alexandría e pasara o inverno na illa. 12  Fixemos unha escala de tres días en Siracusa. 13  Desde alí seguimos adiante e chegamos a Rexio. Un día despois, levantouse un vento do sur e ó segundo día puidemos chegar a Puteoli. 14  Alí encontramos irmáns e suplicáronnos que quedásemos con eles sete días. Despois saímos para Roma. 15  Cando os irmáns de Roma tiveron noticias nosas, viñeron ata as Tres Tabernas para encontrarse con nós, e algúns incluso ata a Praza do Mercado de Apio. Ó velos, Paulo deulle grazas a Deus e animouse moito. 16  Cando por fin chegamos a Roma, a Paulo permitíronlle aloxarse a el só nunha casa, cun soldado que o vixiaba. 17  Pero ós tres días chamou os xudeus máis importantes e, cando estaban todos xuntos, díxolles: “Irmáns, aínda que non fixen nada contra o pobo nin contra os costumes dos nosos antepasados, detivéronme en Xerusalén e entregáronme ós romanos. 18  Despois de interrogarme, quixeron deixarme libre porque non había ningunha base para condenarme á morte. 19  Como os xudeus non estaban de acordo, non me quedou máis remedio que apelar a César, pero non porque eu acusase de algo a miña nación. 20  Por iso pedín vervos e falar con vós, porque levo esta cadea debido a aquel por quen Israel estivo esperando”. 21  Entón, eles dixéronlle: “Non recibimos ningunha carta de Xudea sobre ti, nin ningún dos irmáns que chegou de alí nos trouxo noticias nin nos falou mal de ti. 22  Pero parécenos ben oír da túa propia boca o que pensas, porque sabemos que en todas partes se fala mal desta seita* á que pertences”. 23  Así que eles fixeron plans para reunirse un día con el, e o grupo de persoas que foi ó lugar onde el se aloxaba acabou sendo aínda máis grande. Entón, desde a mañá ata a tardiña, Paulo explicoulles o asunto dándolles un testemuño completo do Reino de Deus. E usou a Lei de Moisés e as palabras dos Profetas para intentar convencelos de que cresen en Xesús. 24  Algúns creron o que dicía, pero outros non. 25  Como non se poñían de acordo, empezaron a marchar. Entón, Paulo fixo un último comentario: “Con razón o espírito santo lles falou ós vosos antepasados mediante o profeta Isaías e dixo: 26  ‘Vai onda este pobo e dille: “Vós oiredes pero nunca comprenderedes. Miraredes pero nunca entenderedes”. 27  O corazón deste pobo volveuse duro*​. Eles oen pero non reaccionan. Taparon os ollos e os oídos, e non ven nin oen nada. Por iso non entenden co corazón o que se lles pide nin se volven a min* nin eu os curo’. 28  Polo tanto, que saibades que esta mensaxe de salvación que vén de Deus tamén se lles anunciou ás nacións. E elas si que a escoitarán”. 29  —* 30  Así que Paulo quedou alí dous anos, na casa que arrendara. Recibía amablemente a tódolos que o viñan visitar, 31  predicáballes acerca do Reino de Deus e ensináballes sobre o Señor Xesucristo con moitísimo valor* e sen ningún impedimento.

Notas ó pé

Ou “As persoas que non falaban grego”.
A palabra en grego é Dike. Posiblemente se refire á deusa da xustiza vingadora ou á xustiza en sentido abstracto.
Enfermidade infecciosa do intestino moi dolorosa.
Escultura que levaban os barcos na parte de diante que representaba unha figura humana, un deus ou un ser fantástico.
Ou “insensible”.
Ou “nin se volven a Deus”, “nin cambian a súa conduta”.
Este versículo non aparece en varios dos manuscritos gregos antigos importantes e parece ser que non forma parte das Escrituras inspiradas.
Ou “abertamente”.