As boas noticias segundo Marcos 1:1-45
-
Predicación de Xoán o Bautista (1-8)
-
O bautismo de Xesús (9-11)
-
Satanás tenta a Xesús (12, 13)
-
Xesús empeza a predicar en Galilea (14, 15)
-
Escolle os seus primeiros discípulos (16-20)
-
Bota fóra un demo (21-28)
-
Cura moitas persoas en Capernaúm (29-34)
-
Ora nun lugar apartado (35-39)
-
Cura un leproso (40-45)
1 Así é como empezan as boas noticias* sobre Xesucristo, o Fillo de Deus.
2 Pasou como está escrito no libro do profeta Isaías: “(Mira!* Vou enviar o meu mensaxeiro diante de ti, e el prepararache o camiño.)
3 Óese a voz de alguén que berra no deserto: ‘Preparade o camiño de Xehová*! Endereitade os camiños para el!’”.
4 Xoán o Bautista estaba no deserto* predicando que o bautismo é un sinal de arrepentimento para recibir o perdón dos pecados.
5 Así que tódolos da rexión de Xudea e tódolos habitantes de Xerusalén ían a velo. Recoñecían publicamente os seus pecados e Xoán bautizábaos* no río Xordán.
6 Xoán levaba roupa feita de pelo de camelo e un cinto de coiro, comía langostas* e mel silvestre,
7 e predicaba: “Despois de min vén alguén con máis autoridade ca min, e eu nin sequera merezo agacharme para desatarlle as correas das sandalias.
8 Eu bauticeivos con auga, pero el bautizaravos con espírito santo”.
9 Naqueles días, Xesús veu de Nazaret de Galilea e Xoán bautizouno no Xordán.
10 En canto saíu da auga, viu que se abrían os ceos e que o espírito santo baixaba sobre el coma unha pomba.
11 Entón escoitouse unha voz desde os ceos que dixo: “Ti es o meu querido Fillo. Tes a miña aprobación”.
12 Inmediatamente, o espírito motivouno a ir ó deserto.
13 Pasou 40 días no deserto, e alí foi tentado por Satanás. Estaba rodeado de animais salvaxes, pero os anxos atendíano.
14 Despois de que arrestasen a Xoán, Xesús foi a Galilea a predicar as boas noticias de Deus,
15 e dicía: “Chegou o tempo fixado e o Reino de Deus xa está cerca. Arrepentídevos e tede fe nas boas noticias”.
16 Mentres ía camiñando pola beira do mar de Galilea, viu a Simón e o seu irmán Andrés botando as redes ó mar, porque eran pescadores.
17 Xesús díxolles: “Seguídeme e fareivos pescadores de homes*”.
18 Eles deixaron as redes inmediatamente e seguírono.
19 Un pouco máis adiante, viu a Santiago e a Xoán, que eran fillos de Zebedeo e que estaban na súa barca reparando as redes.
20 Inmediatamente, Xesús chamounos, e eles deixaron ó seu pai Zebedeo na barca cos seus traballadores e seguírono.
21 Despois entraron* en Capernaúm.
Nada máis empezar o sábado, Xesús entrou na sinagoga e púxose a ensinar.
22 A xente quedou impresionada pola súa maneira de ensinar, porque ensinaba como alguén que ten autoridade de Deus, non coma os escribas.
23 Xusto nese momento había un home na sinagoga que estaba posuído por un demo e berrou:
24 “Que temos que ver contigo, Xesús o Nazareno? Viñeches a destruírnos? Sei perfectamente quen es: o Santo de Deus!”.
25 Pero Xesús reprendeu o demo e díxolle: “Cala e sae del!”.
26 O demo provocoulle convulsións ó home, berrou con tódalas súas forzas e despois saíu del.
27 Todos quedaron tan impresionados que empezaron a falar do que pasara, e dicían: “Pero isto que é? Unha nova forma de ensinar*! Ata lles dá ordes con autoridade ós demos e eles obedéceno”.
28 Entón a fama de Xesús estendeuse rapidamente por tódolos lugares da rexión de Galilea.
29 Despois saíron da sinagoga e foron á casa de Simón e Andrés, xunto con Santiago e Xoán.
30 Resulta que a sogra de Simón estaba na cama e tiña febre. Inmediatamente, fóronllo dicir a Xesús.
31 El acercouse a ela, colleuna da man e levantouna. A febre desapareceu e ela púxose a atendelos.
32 Máis tarde, cando xa se puxera o sol, a xente empezou a traerlle tódolos enfermos e os que estaban posuídos por demos.
33 Xuntárase toda a cidade diante da porta da casa.
34 Así que curou moitas persoas que tiñan diferentes enfermidades e botou moitos demos fóra. Pero non deixaba que os demos falasen, porque sabían que el era o Cristo*.
35 Xesús levantouse cedo pola mañá, cando aínda estaba escuro. Saíu fóra, foise a un lugar apartado e alí púxose a orar.
36 Pero Simón e os que estaban con el foron a buscalo por todas partes.
37 Cando o encontraron, dixéronlle: “Todos te andan buscando”.
38 Pero el díxolles: “Vamos a outro sitio, ás vilas dos arredores, para que poida predicar tamén alí, porque para iso vin”.
39 Así que Xesús foi por toda Galilea predicando nas sinagogas e botando demos fóra.
40 Un leproso acercouse e suplicoulle incluso de xeonllos: “Sei que se queres podes curarme*”.
41 Xesús compadeceuse tanto del que estirou a man, tocouno e díxolle: “Si que quero. Queda limpo”.
42 Entón, a lepra desapareceu inmediatamente e o home quedou limpo.
43 Despois Xesús díxolle que marchase, pero antes mandoulle seriamente:
44 “Asegúrate de non contarlle nada a ninguén. En vez diso, preséntate diante do sacerdote e ofrece para a túa purificación o que mandou Moisés, para que os sacerdotes vexan que curaches*”.
45 Pero cando marchou, o home púxose a contarlle a todo o mundo o que pasara e a dicilo por todas partes. Así que Xesús xa non podía entrar tranquilamente en ningunha cidade. De feito quedaba nas aforas, en lugares apartados, e aínda así a xente seguía vindo de todos lados para velo.
Notas ó pé
^ Ou “empeza o evanxeo”.
^ Ou “de persoas”.
^ É dicir, Xesús e algúns dos seus discípulos.
^ Ou “nova ensinanza (doutrina)”.
^ Ou quizais “sabían quen era el”.
^ Lit. “limparme”.
^ Ou “para que lles sirva de testemuño ós sacerdotes”.