As boas noticias segundo Marcos 13:1-37

  • A PARTE FINAL DO SISTEMA (1-37)

    • Guerras, fame e terremotos (8)

    • Predicaranse as boas noticias (10)

    • A gran tribulación (19)

    • A vinda do Fillo do Home (26)

    • A comparación da figueira (28-31)

    • “Estade sempre vixiantes” (32-37)

13  Cando Xesús saía do templo, un dos seus discípulos díxolle: “Mestre, mira que pedras e que marabilla de edificios!”. 2  Pero Xesús contestoulle: “Ves estes edificios tan impresionantes? Pois de ningunha maneira quedará aquí pedra sobre pedra. Todo isto vai ser derribado”. 3  Mentres el estaba sentado no Monte das Oliveiras de cara ó templo, Pedro, Santiago, Xoán e Andrés preguntáronlle en privado: 4  “Dinos, cando pasarán esas cousas? E cal será o sinal que indique que todas esas cousas están a punto de chegar á súa parte final?”. 5  Entón Xesús empezou a dicirlles: “Tede coidado de que ninguén vos engane. 6  Moitos virán usando o meu nome e dicindo ‘Son eu’, e enganarán a moita xente. 7  Ademais, cando oiades falar de guerras e escoitedes noticias de guerras, non vos alarmedes, porque estas cousas teñen que suceder, pero aínda non é o fin. 8  ”As nacións loitarán unhas contra outras e os reinos pelexarán uns contra outros. En moitos lugares haberá terremotos e tamén fame. Isto é o principio de grandes sufrimentos*​. 9  ”Tede coidado. A xente entregaravos ós tribunais locais e pegaranvos nas sinagogas, e farán que teñades que presentarvos diante de gobernadores e reis porque sodes os meus seguidores. Así poderedes darlles testemuño de min*​. 10  Ademais, primeiro teñen que predicarse as boas noticias en tódalas nacións. 11  Pero cando vos collan para entregarvos ás autoridades, non vos angustiedes pensando no que ides dicir. Nese momento farásevos saber o que tedes que dicir, porque non ides ser vós os que faledes, senón o espírito santo. 12  Ademais, un irmán entregará o seu irmán para que o maten, un pai entregará o seu fillo, e os fillos rebelaranse contra os seus pais e farán que os maten. 13  Todos vos odiarán porque sodes os meus seguidores*​, pero Deus salvará a quen aguante ata o fin. 14  ”E cando vexades a cousa noxenta que causa destrución de pé onde non debe estar (que o lector entenda ben* o que se dixo), entón os que estean en Xudea, que escapen para as montañas. 15  Quen estea na azotea da súa casa, que non baixe nin entre a coller nada, 16  e quen estea no campo, que non volva atrás a buscar o seu manto. 17  Pobres das mulleres que estean embarazadas ou dando o peito neses días! 18  Orade unha e outra vez para que isto non pase en inverno. 19  Porque eses serán días de tribulación*​. Desde o principio da creación de Deus ata agora, non houbo unha tribulación igual, nin nunca máis a haberá. 20  De feito, se Xehová* non acortase ese tempo, non se salvaría ninguén. Pero ese tempo vaise acortar* polos escollidos, os que el escolleu. 21  ”Entón, se alguén vos di ‘Mirade! O Cristo está aquí!’ ou ‘Mirade! Está alá!’, non o creades. 22  Porque haberá cristos falsos e profetas falsos que farán milagres* e cousas impresionantes para intentar desviar os escollidos. 23  Así que tede coidado. Díxenvos todo isto antes de que pase. 24  ”Pero neses días, despois desa tribulación, o sol escurecerá, a lúa non brillará máis, 25  as estrelas irán caendo do ceo e os poderes que están nos ceos serán sacudidos. 26  Entón verán o Fillo do Home vindo nas nubes con gran poder e gloria. 27  E entón el enviará os anxos e reunirá os seus escollidos desde os catro ventos*​, desde o extremo da terra ata o extremo do ceo. 28  ”Aprendede desta comparación sobre a figueira. Cando lle medran pólas novas e bota follas, sabedes que o verán está cerca. 29  Igualmente, cando vexades que pasan estas cousas, sabede que o Fillo do Home está cerca, ás portas. 30  Asegúrovos que de ningunha maneira desaparecerá esta xeración ata que sucedan todas estas cousas. 31  O ceo e a terra desaparecerán, pero as miñas palabras non desaparecerán nunca. 32  ”Agora ben, ninguén sabe o día ou a hora, nin os anxos no ceo nin o Fillo, só o Pai. 33  Estade atentos, mantédevos despertos, porque non sabedes cando é o tempo fixado. 34  Isto é coma o home que viaxou ó estranxeiro e deixou a súa casa a cargo dos seus escravos. Encargoulle un traballo a cada un e ó porteiro mandoulle que estivese sempre vixiante. 35  Así que estade sempre vixiantes, porque non sabedes cando vén o dono da casa, se á noitiña, á medianoite, de madrugada* ou moi cedo pola mañá. 36  Non vaia ser que, cando de repente veña, vos encontre durmindo. 37  O que vos digo a vós tamén llelo digo a todos: estade sempre vixiantes”.

Notas ó pé

Lit. “de dolores de parto”.
Ou “Así poderedes falarlles de min”.
Ou “porque levades o meu nome”.
Ou “que o lector teña discernimento sobre”, é dicir, o lector da profecía de Daniel.
Ou “angustia”.
Lit. “acortouse”.
Lit. “sinais”.
É dicir, os catro puntos cardinais.
Lit. “cando canta o galo”.