Ir ó contido

Ir ó índice

Como podo facerme amigo de Deus?

Como podo facerme amigo de Deus?

CAPÍTULO 35

Como podo facerme amigo de Deus?

Jeremy decatouse do valiosa que é a amizade con Deus ó vivir unha situación moi complicada. Conta: “Cando tiña 12 anos, meu pai abandonounos. Lembro que unha noite no meu cuarto botei un bo anaco suplicándolle a Deus que o fixese volver”.

No medio de tanta angustia, púxose a ler a Biblia. Atopou un versículo no que o escritor lle dixo a Xehová: “A ti encoméndase o desvalido, ó orfo es ti quen o axuda” (Salmo 10:14). Jeremy recoñece que estas palabras lle chegaron ó corazón: “Cando o lin, sentín que Xehová estaba a falarme e a dicirme que me ía axudar, que el era o meu Pai. E que mellor pai podería ter?”.

SON as túas circunstancias coma as de Jeremy? Se cadra si, ou se cadra non. Pero hai unha cousa clara: Xehová quere que sexas o seu amigo. Mira o que di a Biblia: “Achegádevos a Deus e El achegarase a vós” (Santiago 4:8). Dáste conta do que isto significa? Aínda que non o podes ver e é moi superior, Xehová invítate a ser o seu amigo!

Pero se queres ser o seu amigo tes que esforzarte. Por exemplo, se tes unha planta dentro da casa, tes que regala a miúdo e poñela nun sitio axeitado para que medre. Ela soa non vai medrar. Pasa o mesmo coa túa amizade con Deus. Que tes que facer para que medre?

Estudar é moi importante

Para que dous amigos se leven ben, teñen que falar e escoitarse un ó outro. E o mesmo pasa con Deus. Como podemos escoitalo? Lendo e estudando a Biblia (Salmo 1:2, 3).

Claro, poida que non che encante estudar. Se cadra gústanche máis outras actividades como ver a tele, os videoxogos ou saír cos amigos. Pero se queres ser amigo de Deus, a única forma de conseguilo é escoitar o que che di na súa Palabra.

Pero non te preocupes, estudar a Biblia non ten por que ser aburrido. De feito, podes aprender a desfrutar de facelo, mesmo se pensas que os libros non son o teu. O primeiro que precisas é sacar tempo para estudar a Biblia. Unha moza chamada Lais di: “Teño un horario. O primeiro que fago polas mañás é ler un capítulo enteiro da Biblia”. María, que ten 15 anos, usa un método distinto: “Tódalas noites leo un pouco antes de ir durmir”.

E como podes facer o teu programa de estudo? Primeiro bótalle un ollo ó recadro  “Descubre a túa Biblia” da páxina 292. Despois, escribe aquí embaixo en que momento do día poderías dedicarlle unha media horiña a estudar a Biblia.

․․․․․

Pero facer un horario é só o comezo. Cando te poñas a estudar a Biblia, vas ver que non sempre é fácil de ler. Se cadra pásache coma a Jezreel, un rapaz de 11 anos que recoñece: “Algunhas partes fánseme un pouco pesadas”. Pero non te rendas. Lembra que estudando a Biblia estás a escoitar o teu mellor amigo, Xehová. Xa verás como che acaba gustando. Canto máis interese lle poñas, máis vas desfrutar e máis recompensas che dará.

Orar é fundamental

A oración é o medio polo que falamos con Deus. É un agasallo marabilloso. Pénsao: podes falar con Xehová a calquera hora do día ou da noite. Sempre está dispoñible. E ademais, quere escoitarte. Por iso a Biblia te aconsella: “En todo presentádelle a Deus as vosas peticións con oracións de súplica e acción de gracias” (Filipenses 4:6; cursiva nosa).

Isto quere dicir que lle podes falar a Xehová de moitos temas, como dos teus problemas ou preocupacións. Pero tamén é bo que lle deas as grazas. Despois de todo, ós amigos hailles que agradecer os favores. E ningún amigo fixo máis por ti ca Xehová (Salmo 106:1).

Escribe varias cousas que lle agradeces ti a Xehová.

․․․․․

É certo que ás veces podes sentir que xa non podes máis coas preocupacións ou o medo. Daquela, que podes facer? A Biblia di: “Bota a túa carga sobre Xehová, e el vaite soster. Xamais permitirá que caia o xusto” (Salmo 55:22, TNM).

Anota aquí embaixo algunha preocupación da que che gustaría falarlle a Xehová.

․․․․․

Aprende das túas vivencias

Hai outro aspecto da amizade con Deus que non debes pasar por alto. David escribiu unha canción na que dicía: “Gustade e vede que bo é o Señor” (Salmo 34:9 [34:8, TNM]). Cando a compuxo, acababa de vivir unha experiencia horrible. O rei Xaúl quería matalo, así que tivo que fuxir. Aínda por riba, non lle quedou outra que esconderse onda os seus inimigos, os filisteos. Parecía que non ía saír vivo desa, pero conseguiuno. Sabes como? Cun truco moi hábil: finxiu que toleara (1 Samuel 21:11-16 [10-15, TNM]).

David non pensou que se salvara porque fose moi listo. Máis ben, ó principio da canción que compuxo recoñeceu que todo o mérito era de Xehová: “Eu busco ó Señor, e El responde, líbrame de tódolos temores” (Salmo 34:5 [34:4, TNM]). Así que David sabía do que falaba cando aconsellou: “Gustade e vede que bo é o Señor”, xa que o experimentara por si mesmo. *

Pensa nalgunha situación que vivises na que notases que Xehová estaba a coidar de ti e escribe o que pasou. Non ten que ser nada do outro mundo, pode ser algunha desas cousas boas que ás veces non valoramos o suficiente.

․․․․․

Se cadra os teus pais ensináronche sobre a Biblia, e iso está moi ben. Pero aínda así, cada un de nós ten que cultivar a súa propia amizade con Deus. Se ti aínda non o estás a facer, este capítulo vaiche axudar a dar os primeiros pasos. Ademais, Xehová vai recompensar os teus esforzos, xa que a Biblia di: “Pedide e recibiredes, buscade e atoparedes” (Mateo 7:7).

SE QUERES MÁIS INFORMACIÓN SOBRE ESTE TEMA, PODES CONSULTAR O LIBRO LO QUE LOS JÓVENES PREGUNTAN. RESPUESTAS PRÁCTICAS, VOLUME 1, CAPÍTULOS 3839

NO SEGUINTE CAPÍTULO

Fáiseche difícil falarlles ós demais sobre Deus? Como podes defender mellor as túas crenzas?

[Nota]

^ Algunhas versións da Biblia traducen a frase “gustade e vede” como “descubre por ti mesmo” ou “atopa por ti mesmo” (Contemporary English Version; Today’s English Version).

TEXTO CLAVE

“Ditosos máis ben os que escoitan a Palabra de Deus e a gardan.” (Lucas 11:28)

IDEA

Se les tódolos días catro páxinas da Biblia, rematarala máis ou menos nun ano.

SABÍALO?

Se estás lendo este libro e levando á práctica os seus consellos baseados na Biblia é porque Xehová quere que ti sexas o seu amigo (Xoán 6:44).

MANS Á OBRA!

Para sacarlle máis partido ó estudo da Biblia vou...

Para orar máis a miúdo vou...

Que quero preguntarlles ós meus pais sobre este tema?

TI QUE PENSAS?

● Que podes facer para que che resulte máis entretido estudar a Biblia?

● Por que quere Xehová escoitar as oracións de humanos imperfectos?

● Que podes facer para mellorar a calidade das túas oracións?

[Frase destacada]

‘‘Cando era pequena, case tódalas miñas oracións eran iguais. Agora intento falar das cousas boas e malas que me pasan cada día. Non hai dous días iguais, así que non digo sempre as mesmas cousas.’’ (Eve)

[Recadro/Imaxe]

 Descubre a túa Biblia

1. Escolle un relato da Biblia que queiras ler. Pídelle a Xehová que che axude a entendelo.

2. Le con atención. Non vaias ás presas. Mentres les, usa a imaxinación e pon os cinco sentidos. Por exemplo, intenta ver o que pasa, escoitar as voces dos personaxes, ulir os aromas, saborear a comida... Deste xeito, farás que o relato cobre vida na túa mente.

3. Pensa no que liches. Faite preguntas como:

● Por que incluíu Xehová este relato na Biblia?

● Que personaxes son un bo exemplo para min e cales son un mal exemplo?

● Que leccións prácticas podo aprender?

● Que me ensina sobre Xehová e sobre a súa forma de actuar?

4. Faille unha pequena oración a Xehová. Cóntalle o que aprendiches ó estudar a Biblia e como pensas levalo á práctica. E lembra darlle as grazas pola súa Palabra, a Biblia.

[Imaxe]

“A túa palabra é o faro dos meus pés, a luz do meu camiño” (Salmo 119:105).

[Recadro/Imaxe]

O primeiro é o primeiro

Andas sempre moi ocupado para orar ou para estudar a Biblia? Moitas veces é cuestión de fixar ben as túas prioridades.

Fai este experimento: Colle un caldeiro e mételle dentro varias pedras grandiñas. Despois bótalle area ata enchelo. Agora que tes? Un caldeiro cheo de pedras e area.

Agora baleira o caldeiro, pero garda as pedras e a area. Fai o proceso ó revés: mete primeiro a area e logo intenta meter as pedras. Que pasa? Desta volta as pedras non collen porque metiches primeiro a area.

Que aprendemos disto? Se o que pos primeiro na túa vida son as cousas pequenas, como as diversións, non terás espazo para as grandes, as espirituais. Con razón a Biblia di que nos aseguremos “de que cousas son as máis importantes” (Filipenses 1:10, TNM). Se lle fas caso a este consello, verás que vas ter tempo para servir a Deus e tamén para divertirte. Recorda, todo depende do que botes primeiro no caldeiro.

[Imaxe]

A amizade con Deus é coma unha planta: hai que coidala para que medre