LECCIÓN 46
Por que dedicarte e bautizarte?
Dedícaste a Xehová facéndolle unha oración para prometerlle que o vas adorar só a el e que o vas poñer en primeiro lugar na túa vida (Salmo 40:9 [40:8, TNM]). O seguinte paso é o bautismo. Cando te bautizas, demóstraslles ós demais que te dedicaches. Dedicarnos a Xehová é a decisión máis importante que podemos tomar. É tan importante que cambiará a túa vida. Que te pode motivar a tomar unha decisión así?
1. Que pode motivar a alguén a dedicarse?
Dedicámonos a Xehová por amor (1 Xoán 4:10, 19). A Biblia di: “Amara-lo Señor, o teu Deus, con todo o teu corazón, con toda a túa alma, con todo o teu entendemento e con tódalas túas forzas” (Marcos 12:30). Demostramos que amamos a Deus non só polo que dicimos senón tamén polo que facemos. Igual que unha parella que se quere de verdade decide casar, o noso amor por Xehová motívanos a dedicarnos a el e bautizarnos.
2. Que bendicións lle ofrece Deus a quen se bautiza como testemuña de Xehová?
Cando te bautices chegarás a formar parte da feliz familia de Xehová. Entón verás de moitas maneiras canto te quere e achegaraste aínda máis a el (le Malaquías 3:16-18). Ademais de ter a Xehová como Pai, terás arredor do mundo unha familia espiritual de irmáns e irmás que o queren moito e que tamén te queren a ti (le Marcos 10:29, 30). Claro, tes que dar algúns pasos antes de bautizarte. Debes aprender sobre Xehová, amalo e chegar a ter fe no seu Fillo. E por último, tes que dedicarlle a túa vida a Xehová. Se dás todos estes pasos e te bautizas, estarás no camiño correcto para desfrutar da vida para sempre. Por iso a Palabra de Deus di que o bautismo nos salva (1 Pedro 3:21).
AFONDA MÁIS
Analiza por que é importante que te dediques a Xehová e te bautices.
3. Todos temos que escoller a quen imos servir
No antigo Israel a xente pensaba que podía servir a Xehová e, ó mesmo tempo, tamén ó deus falso Baal. Pero Xehová enviou o seu profeta Elías para corrixir esa idea equivocada. Lede 1 Reis 18:21 e logo comentade esta pregunta:
-
Que decisión tiñan que tomar os israelitas?
Igual que os israelitas, nós tamén temos que escoller a quen imos servir. Lede Lucas 16:13 e logo comentade estas preguntas:
-
Por que non podemos adorar a Xehová e, ó mesmo tempo, a algo máis?
-
Como lle demostramos a Xehová que escollemos adoralo a el?
4. Reflexiona en canto te quere Xehová
Xehová deunos moitos regalos moi valiosos. Que podemos darlle nós? Poñede o VÍDEO.
Cales son algunhas das maneiras nas que Xehová che demostrou que te quere? Lede Salmo 104:14, 15 e 1 Xoán 4:9, 10 e logo comentade estas preguntas:
-
Que regalo de Xehová agradeces máis?
-
Que sentes por Xehová ó pensar neses regalos?
Cando alguén nos fai un agasallo que nos gusta moito, queremos demostrarlle a esa persoa canto llo agradecemos. Lede Deuteronomio 16:17 e logo comentade esta pregunta:
-
Que te sentes impulsado a darlle a Xehová cando pensas en tódalas cousas que fixo por ti?
5. Dedicarnos a Xehová ten moitos beneficios
Moita xente cre que os cartos, a fama ou unha boa carreira os farán felices. Pero, é certo iso? Poñede o VÍDEO e logo comentade estas preguntas:
-
Aínda que a Andriy lle encantaba xogar ó fútbol, por que decidiu deixalo?
-
Andriy decidiu dedicarse a Xehová en vez de ó fútbol. Pensas que tomou a decisión correcta? Por que?
Antes de facerse cristián, o apóstolo Paulo quería ter unha carreira prestixiosa. Estudara a lei xudía cun mestre moi importante. Pero deixouno todo para facerse cristián. Arrepentiuse de tomar esa decisión? Lede Filipenses 3:8 e logo comentade estas preguntas:
-
Por que dixo Paulo que todo o que fixera antes de ser cristián era coma o lixo?
-
Que gañou a cambio?
-
Como cres que che iría mellor na vida? Servindo a Xehová ou dedicándote a calquera outra cousa?
HAI QUEN DI: “Non é normal que lle dediques tanto tempo á túa relixión”.
-
Por que pensas que ten sentido dedicarlle a túa vida a Xehová?
RESUMO
O amor impúlsanos a dedicarlle a nosa vida a Xehová e bautizarnos.
Repaso
-
Por que merece Xehová que o amemos de todo corazón e o adoremos?
-
Como recompensa Deus a quen se bautiza como testemuña de Xehová?
-
Gustaríache dedicarte a Xehová?
INVESTIGA
Mira por que unha cantante e un deportista decidiron dedicar a súa vida a Xehová.
Preguntas da xuventude. Que farei coa miña vida? Cando miro cara atrás (6:54)
Pensa en máis razóns para dedicarte a Xehová.
“Por que deberías dedicarte a Xehová?” (La Atalaya, 15 xaneiro 2010)
Neste vídeo musical fíxate na alegría que senten os que se dedicaron a Xehová.
No relato “Levaba moitos anos preguntándome: ‘Por que estamos aquí?’” mira que levou a unha muller a analizar as súas prioridades.