SECCIÓN 6
Como cambian a vida os fillos?
“Os fillos son a herdanza do señor” (Salmo 127:3)
O nacemento dun fillo pode ser moi emocionante, pero tamén unha fonte de tensión para a parella. Ó ser pais por primeira vez, poida que vos sorprenda que coidar o bebé demanda a maioría do voso tempo e enerxías. Mesmo pode que o voso matrimonio se vexa afectado polos cambios emocionais e a falta de sono. Por iso, tanto ti coma o teu cónxuxe deberiades adaptarvos a esta nova circunstancia para coidar o bebé sen desatender o voso matrimonio. Como vos poden axudar os principios da Biblia a manexar esta situación?
1 COMPRENDE QUE O BEBÉ CAMBIARÁ A VOSA VIDA
QUE DI A BIBLIA? “O amor é de corazón grande, é servicial”. Ademais, “non busca a súa comenencia, non se alporiza” (1 Corintios 13:4, 5). Como nai, o natural é que te centres no teu bebé, e iso pode facer que o teu marido se sinta un pouco desprazado. Polo tanto, non esquezas que el tamén necesita a túa atención. Con paciencia e cariño, demóstralle que o segues necesitando e fai que se sinta implicado no coidado do neno.
“No tocante ós homes, convivide coas vosas mulleres con comprensión” (1 Pedro 3:7). Tes que entender que a túa muller vai empregar a maioría das súas enerxías coidando do voso bebé. Con todo o que agora ten que facer, poida que estea tensa, cansa, ou incluso deprimida. Mesmo algunha vez pódeas pagar contigo, pero intenta estar calmo, e recorda que “máis vale o temperado [...] có que conquire unha vila” (Proverbios 16:32). Esfórzate por comprendela e dálle o apoio que necesite (Proverbios 14:29).
QUE PODES FACER?
-
Pai: Axuda a coidar do neno, mesmo de noite. Limita o tempo que pasas noutras cousas para poder estar máis coa túa muller e co teu pequeno.
-
Nai: Cando o teu home che ofreza a súa axuda, acéptaa. E, se non fai todo tal e como a ti che gustaría, non o critiques, ensínalle con agarimo como debería facer as cousas.
2 FORTALECEDE A VOSA RELACIÓN
QUE DI A BIBLIA? Marido e muller chegan a ser “un mesmo corpo” (Xénese 2:24). Aínda que sexades un máis na familia, recorda que ti e maila túa parella seguides a ser “un mesmo corpo”. Polo tanto, fai todo o posible para fortalecer a vosa relación.
Esposa, agradécelle ó teu home a súa axuda e apoio. As túas palabras de gratitude serán para el como unha “medicina” (Proverbios 12:18). Esposo, dille á túa muller canto a queres e valoras. Elóxiaa por como coida á familia (Proverbios 31:10, 28).
“Que ninguén busque o seu propio interese, senón o dos demais” (1 Corintios 10:24). Pon sempre ó teu cónxuxe no primeiro lugar. Tedes que apartar tempo como parella para conversar, encomiarvos, e escoitarvos un ó outro. Non sexas egoísta no ámbito das relacións sexuais, e ten en conta as necesidades da túa parella. Tal e como di a Biblia: “Non vos privedes un ó outro, a non ser de común acordo” (1 Corintios 7:3-5). Polo tanto, falade deste asunto con sinceridade. A túa paciencia e comprensión fortalecerá a vosa relación.
QUE PODES FACER?
-
Non esquezas apartar tempo para estar xuntos.
-
Ten pequenos detalles para que a túa parella sinta canto a queres; por exemplo, mándalle unha mensaxe ou faille un pequeno agasallo.
3 ENSINÁDELLE DENDE BEN PEQUENIÑO
QUE DI A BIBLIA? “Xa desde neno coñéce-las letras santas, que son podentes para che facer sabe-lo camiño da salvación” (2 Timoteo 3:15). Pensade en como lle ides ensinar ó voso pequerrecho. É incrible o que pode aprender, incluso antes de nacer. Mentres aínda está na barriga, o bebé pode recoñecer a túa voz e reaccionar ás túas emocións. Lelle dende ben pequeniño. Aínda que é posible que agora mesmo non entenda todo o que lle leas, poida que o axudes a que desfrute da lectura cando medre.
Nunca é demasiado pronto para comezar a falarlle de Deus ó teu fillo. Deixa que escoite as túas oracións a Xehová (Deuteronomio 11:19). Mesmo cando xogues con el, aproveita para falarlle das cousas que Deus fixo (Salmo 78:3, 4). Segundo vaia medrando, verá o teu amor por Xehová e aprenderá a amalo el tamén.
QUE PODES FACER?
-
Pide sabedoría en oración para educar ó teu pequeno.
-
Repítelle ideas e palabras importantes ó teu neno para que comece a aprender o antes posible.