Ir ó contido

Ir ó índice

COMO REDUCIR O ESTRÉS

Que é o estrés?

Que é o estrés?

O estrés é unha reacción do corpo a unha situación moi difícil. O cerebro fai que o corpo se encha de hormonas. Isto provoca que aumente o ritmo cardíaco, se altere a presión sanguínea e a respiración, e se tensen os músculos. Incluso antes de darnos conta do que está pasando, o noso corpo xa está listo para reaccionar. Cando a situación que provocou o estrés desaparece, o noso corpo deixa de estar en “estado de alerta” e volve á normalidade.

O ESTRÉS BO E O ESTRÉS MALO

O estrés é unha resposta natural do corpo que nos permite facerlle fronte ós desafíos e ás situacións perigosas. Todo empeza no cerebro. O estrés bo permítenos actuar ou reaccionar rapidamente. Certa cantidade de estrés tamén nos pode axudar a alcanzar obxectivos ou a obter mellores resultados, como por exemplo nun exame, nunha entrevista de traballo ou cando practicamos algún deporte.

Non obstante, o estrés prolongado, intenso ou crónico pódenos facer moito dano. Cando o noso corpo está constantemente en “estado de alerta”, podemos sufrir física, emocional e mentalmente. Isto quizais cambie o noso comportamento e a forma na que tratamos os demais. O estrés crónico pode facer que alguén abuse do alcohol, das drogas ou doutras substancias, ou empece a ter outros hábitos pouco saudables como fumar. Incluso pode chegar a deprimirse, sufrir esgotamento extremo ou pensar no suicidio.

Aínda que o estrés non ten o mesmo efecto en tódalas persoas, pode provocar unha gran variedade de enfermidades e afectar a case calquera parte do corpo.