LECCIÓN 5
A importancia da guía dos adultos
QUEN DEBERÍA GUIAR OS TEUS FILLOS?
Os nenos necesitan que os adultos lles dean guía e consello, e os pais son os que están na mellor posición para facelo, de feito, é o seu deber. Por outro lado, outros adultos tamén poden ser unha boa influencia para eles.
POR QUE É IMPORTANTE?
En moitos países, os rapaces pasan pouco tempo cos adultos. Pensa nisto:
-
Os nenos están a maior parte do día na escola, onde hai moitos máis nenos que profesores ou outros adultos.
-
Cando volven á casa despois de clase, non hai ninguén porque os seus pais están traballando.
-
Un estudo que se fixo nos Estados Unidos mostrou que os nenos de entre 8 e 12 anos pasan unhas seis horas ó día entretidos con aparellos electrónicos. a
O libro Hold On to Your Kids (Aférrate ós teus fillos) di: “Os rapaces xa non imitan os seus pais, profesores ou outros adultos responsables nin lles piden guía ou consello, agora prefiren acudir [...] a outros rapaces da súa idade”.
COMO GUIALOS?
Pasa tempo cos teus fillos.
PRINCIPIO BÍBLICO: “Guía ao mociño polo bó vieiro, pois dise xeito, anque avelle, xa non se arredará de alí” (Proverbios 22:6, SBG).
O normal é que os nenos busquen a guía dos seus pais. De feito, os expertos din que, incluso cando entran na adolescencia, os nenos valoran máis os consellos dos seus pais que os dos seus amigos. O profesor de psicoloxía Laurence Steinberg di no seu libro You and Your Adolescent (Ti e o teu fillo adolescente): “Durante a adolescencia e os primeiros anos da idade adulta, os pais seguen sendo os que máis inflúen nas actitudes e o comportamento dos seus fillos”. Tamén di: “Ós adolescentes impórtalles a opinión dos seus pais e prestan atención ó que lles din, aínda que non sempre o admitan ou estean de acordo en todo”.
Os teus fillos senten admiración por ti de forma natural, así que aprovéitao. Pasade tempo xuntos
e comparte con eles o que sentes e pensas sobre diferentes cousas, que é importante para ti e o que aprendiches na vida.Busca alguén que sexa un bo exemplo para os teus fillos.
PRINCIPIO BÍBLICO: “Vai onda os sabios: voltarás sabio” (Proverbios 13:20).
Hai algún adulto que poida ser un bo exemplo para os teus fillos? Poderías facer algo para que os teus fillos pasen máis tempo con esa persoa? Iso non quere dicir que ese adulto vaia asumir a responsabilidade de criar os teus fillos. Pero contar co apoio de adultos de confianza, persoas que nunca farían dano ós teus fillos, pode complementar a educación que lles das. A Biblia di que un rapaz chamado Timoteo se beneficiou moito da compañía do apóstolo Paulo, incluso cando xa era adulto, e que Paulo tamén se beneficiou da compañía de Timoteo (Filipenses 2:20, 22).
Hoxe en día, moitas familias xa non viven cerca porque os avós, os tíos ou outros parentes viven noutra parte do mundo. Se este é o caso da túa familia, intenta que os teus fillos teñan a oportunidade de aprender de adultos con calidades que che gustaría ver neles.
a Ese estudo tamén descubriu que de media, os adolescentes pasan case 9 horas diarias usando aparellos electrónicos. O estudo non inclúe o tempo que os nenos e os adolescentes pasan en Internet cando están na clase ou cando están facendo os deberes na casa.