Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 4

O sentido da responsabilidade

O sentido da responsabilidade

QUE É?

As persoas responsables son aquelas nas que se pode confiar. Cumpren co que se lles encarga e termínano a tempo.

Incluso desde moi pequenos, os nenos poden aprender a ser responsables. O libro Parenting Without Borders (Pais sen fronteiras) di: “Con 15 meses un neno empeza a ter a capacidade de colaborar e ós 18 meses xa empeza a ter o desexo de facelo. En moitas culturas os pais empezan a fomentar este desexo cando os nenos teñen entre 5 e 7 anos. Aínda sendo tan pequenos, con esta idade, os nenos xa poden axudar na casa”.

POR QUE É IMPORTANTE?

Chámaselle “xeración búmerang” ós adultos novos que se independizan pero logo volven á casa cando as cousas se poñen difíciles. Nalgúns casos, isto sucede porque nunca se lles ensinou a administrar ben os cartos, a levar unha casa ou a cumprir coas súas responsabilidades diarias.

Por ese motivo, é mellor que prepares os teus fillos para as responsabilidades que terán de adultos. O libro How to Raise an Adult (Como preparar o teu fillo para a idade adulta) di: “Non deberías deixar que o teu fillo dependa de ti para todo ata que cumpra os 18 e, entón, botalo ó mundo real”.

COMO ENSINARLLES A SER RESPONSABLES

Encárgalles algunhas tarefas.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Todo traballo ten o seu proveito” (Proverbios 14:23).

Ós nenos pequenos encántalles facer cousas cos seus pais. Aproveita ese desexo natural para darlles algún traballo que facer na casa.

Algúns pais non queren facer isto porque pensan que os seus fillos xa están moi ocupados cos deberes da escola.

Pero é máis probable que os nenos que axudan na casa sexan mellores estudantes porque aprenden a aceptar as responsabilidades e a cumprilas. Ademais, o libro Parenting Without Borders afirma: “Se ignoramos o desexo que teñen os noso fillos de colaborar cando son pequenos, crerán que axudar a outros non é importante [...]. Tamén collerán o costume de que llo dean todo feito”.

Como indica este comentario, os nenos que colaboran nas tarefas da casa aprenden a axudar a outras persoas e a non ser egoístas. Tamén lles axuda a darse conta de que teñen un lugar importante na familia e que teñen responsabilidades que cumprir.

Axúdalles ós teus fillos a facerse responsables dos seus erros.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Escoita o consello e acepta a represión, para que ó remate sexas sabio” (Proverbios 19:20).

Cando os teus fillos cometan un erro resiste a tentación de ocultalo, os nenos poden aceptar as consecuencias das súas accións. Por exemplo, se rompen algo que non é seu, poderían pedir perdón e quizais reparar o dano.

Se os teus fillos comprenden que son responsables dos seus erros aprenderán o seguinte:

  • a ser honrados e admitir os seus erros

  • a non botarlles a culpa ós demais

  • a non poñer escusas

  • a pedir perdón cando sexa necesario