Ir ó contido

Ir ó índice

LECCIÓN 6

Os valores morais

Os valores morais

QUE SON?

As persoas con valores morais teñen moi claro o que está ben e o que está mal. Os seus valores morais non cambian en función das súas circunstancias, senón que se basean nun conxunto sólido de principios que guían as súas accións incluso cando ninguén as ve.

POR QUE SON IMPORTANTES?

Hoxe en día, os compañeiros de clase, a música, as películas e os programas de televisión bombardean os nenos con mensaxes erróneas sobre o que está ben e o que está mal. Estas mensaxes poden facelos dubidar sobre os seus valores morais.

Isto é un gran problema sobre todo para os adolescentes. O libro Beyond the Big Talk (Máis alá da “gran charla”) di que os adolescentes “teñen que estar preparados para a intensa presión que os seus compañeiros e os medios de comunicación farán sobre eles para que sexan populares. Teñen que aprender a tomar decisións baseadas nos seus valores morais aínda que iso signifique ir en contra dos seus amigos”. Está claro que os pais teñen que ensinarlles estas cousas ós seus fillos antes de empezar a adolescencia.

COMO ENSINARLLES VALORES MORAIS

Ensínalles que está ben e que está mal.

PRINCIPIO BÍBLICO: As “persoas maduras [...] adestraron a súa capacidade de discernimento para distinguir o que está ben do que está mal” (Hebreos 5:14TNM).

  • Fala do que está ben e do que está mal. Utiliza situacións da vida diaria e establece contrastes. Por exemplo, di: “Isto é honrado, isto non é honrado”, “isto é unha mostra de lealdade, isto é unha mostra de deslealdade” ou “isto é amable, isto é pouco amable”. Co tempo, os teus fillos saberán que está ben facer en cada situación.

  • Explícalles por que algo está ben ou mal. Razoa cos teus fillos para axudarlles a educar a súa conciencia. Failles preguntas como: “Por que é mellor ser honrado?”, “por que mentir acaba coas amizades?” ou “por que está mal roubar?”.

  • Destaca por que é bo ter elevados valores morais. Poderías dicirlles: “Se es honrado, os demais confiarán en ti” ou “se es amable, a xente quererá estar contigo”.

Consigue que a túa familia se caracterice por seguir estes valores morais.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Seguide comprobando o que vós mesmos sodes” (2 Corintios 13:5TNM).

  • Toda a túa familia debería seguir os mesmos valores morais, así poderás dicir con total sinceridade:

    • “Nós non mentimos.”

    • “Non lle pegamos a ninguén nin lle berramos.”

    • “Non lle falamos mal a ninguén nin o insultamos.”

Desta forma os teus fillos verán que os valores morais non son simples regras que hai que seguir, senón que son o que define a identidade da familia.

  • Utiliza situacións do día a día para falar cos teus fillos dos valores morais da familia. Podes comparalos cos dos seus compañeiros ou cos que fomentan os medios de comunicación. Pregúntalles: “Que terías feito ti?” ou “que tería feito a nosa familia?”.

Reforza os seus valores morais.

PRINCIPIO BÍBLICO: “Tede a conciencia limpa” (1 Pedro 3:16).

  • Felicítaos cando se porten ben. Cando os teus fillos fagan as cousas ben, dillo, e explícalles por que estivo ben que actuasen así. Por exemplo, poderías dicirlles: “Fuches moi honrado, estou orgulloso de ti”. E se os teus fillos che confesan que fixeron algo mal, agradécelles a súa sinceridade antes de corrixilos.

  • Corríxeos cando se porten mal. Axúdalles ós teus fillos a asumir a responsabilidade dos seus actos. Os nenos deben saber que fixeron mal e por que a súa familia non acepta esa conduta. Algúns pais non queren facer sentir mal os seus fillos, pero falar con eles sobre o que sucedeu axudaralles a educar a súa conciencia e a distinguir entre o correcto e o incorrecto.