ENTREVISTA | ANTONIO DELLA GATTA
Un sacerdote deixa a Igrexa
ANTONIO Della Gatta estudou en Roma nove anos e en 1969 ordenouse sacerdote. Despois foi reitor dun seminario preto de Nápoles (Italia). Logo de estudar e reflexionar moito mentres inda estaba no seminario, chegou á conclusión de que a relixión católica non basea os seus ensinos no que di a Biblia. ¡Despertad! falou con el sobre os seus esforzos por atopar a Deus.
Fálanos da túa infancia.
Nacín en Italia en 1943. Os meus irmáns e mais eu medramos nunha pequena vila e os nosos pais educáronnos na relixión católica. Meu pai era labrego e carpinteiro.
Por que decidiches ser sacerdote?
Cando era neno, encantábame ir a misa para escoitar o sacerdote. Gustábame moito a súa voz e impresionábanme os rituais que facía. De aí me veu o de facerme sacerdote. Con 13 anos, miña nai levoume a un internado onde preparaban os nenos para que despois estudasen para sacerdotes.
Estudaches a Biblia durante a túa formación?
Non moito. Cando tiña 15 anos, un dos meus profesores deume un libro dos Evanxeos —os relatos que falan da vida de Xesús— e lino varias veces. Despois, con 18 anos, mudeime a Roma e fun estudar a varias universidades pontificias, que están baixo a autoridade do papa. Estudei latín, grego, historia, filosofía, psicoloxía e teoloxía. Inda que recitabamos versículos da Biblia e escoitabamos lecturas dela no sermón dos domingos, en realidade non a estudabamos.
Mentres eras reitor, tamén dabas clases?
O meu traballo era basicamente administrativo, pero si que dei clases sobre decretos do Concilio Vaticano II.
Por que empezaches a dubidar da Igrexa?
Houbo tres razóns: vin que a Igrexa se metía en política, toleraba a mala conduta do clero e dos fregueses e algunhas das súas doutrinas non me parecían lóxicas. Por exemplo, como pode un Deus de amor castigar eternamente a unha persoa despois de morrer? Ademais, de verdade quere que usemos un rosario para repetir centos de veces o mesmo rezo? *
E que fixeches?
Con bágoas nos ollos, supliqueille a Deus que me axudase. Merquei unha copia da Biblia de Jerusalén, que se acababa de publicar en italiano, e púxenme a lela. Un domingo á mañá mentres colgaba a sotana despois de dar a misa, dous homes viñeron ó seminario; eran testemuñas de Xehová. Estivemos falando máis dunha hora sobre a Biblia e o que di da relixión verdadeira.
Que impresión levaches dos homes que te visitaron?
Impresionoume a súa convicción e a facilidade coa que atopaban os versículos nunha Biblia católica. Máis adiante, comezou a visitarme Mario, que tamén era testemuña de Xehová. Era moi paciente e un home de palabra: tódolos sábados ás nove da mañá chamaba á porta do seminario, chovese ou quentase o sol.
Que pensaban desas visitas os demais sacerdotes?
Inviteinos a unirse ás nosas conversas, pero ningún pensaba que fose importante estudar a Biblia. En cambio, a min encantábame. Estaba a aprender cousas marabillosas, como por exemplo por que permite Deus o mal e o sufrimento, un tema que me intrigaba dende había moito.
Díxoche algún dos teus superiores que deixases de estudar a Biblia?
En 1975, fun a Roma varias veces para falar do que estaba a aprender. Os meus superiores tentaron convencerme de que estaba equivocado, pero ningún usou a Biblia. Ó final, o 9 de xaneiro de 1976 escribín unha carta de renuncia á Igrexa e mandeina a Roma. Dous días despois, marchei do seminario e collín un tren para ir á miña primeira reunión coas testemuñas de Xehová. Era un congreso no que había varias congregacións reunidas. Era tan diferente ó que eu estaba afeito! Cada un tiña a súa propia Biblia e buscaban as pasaxes que mencionaban os oradores.
Que lle pareceu á túa familia o que fixeches?
A maioría deles puxéronse en contra miña. Pero descubrín que un dos meus irmáns tamén estaba a estudar a Biblia coas testemuñas de Xehová na Lombardía, ó norte de Italia. Fun a velo, e as testemuñas daquela zona axudáronme a atopar un traballo e un sitio para vivir. Ese mesmo ano fíxenme testemuña de Xehová.
Por fin me sinto preto de Deus
Hai algo do que te arrepintas?
Para nada! Por fin me sinto preto de Deus porque todo o que agora sei sobre el está na Biblia non na filosofía ou nas tradicións católicas. Ademais, agora podo falarlles ós demais convencido de que o que digo é verdade.
^ par.13 A Biblia responde estas e outras preguntas dun xeito claro. Vai a ENSINANZAS DA BIBLIA > PREGUNTAS SOBRE A BIBLIA.