Ir ó contido

Demostra que tes fe nas promesas de Xehová

Demostra que tes fe nas promesas de Xehová

“A fe é [...] unha proba convincente das cousas que non se ven” (HEB. 11:1).

CANCIÓNS: sjj 54, sn 21

1. Como debemos ver a fe?

 A FE cristiá é moi valiosa, pero non todo o mundo a ten (2 Tes. 3:2). Non obstante, Xehová deulles ós seus servos unha “medida da fe” (Rm. 12:3; Gál. 5:22, TNM). Tódolos que teñen fe deberían estar moi agradecidos.

2, 3. a) De que bendicións pode desfrutar quen ten fe? b) Que preguntas imos responder?

2 O noso Pai celestial atrae as persoas mediante o Seu Fillo. Ter fe en Xesús fai posible recibir o perdón dos pecados, o que dá a oportunidade de desfrutar para sempre dunha amizade con Xehová (Xn. 6:44, 65; Rm. 6:23). Que é o que fixemos para recibir este marabilloso regalo? Como pecadores, o único que merecemos é a morte (Sal. 103:10). Pero Xehová viu o noso potencial. Grazas á súa bondade inmerecida, abriu o noso corazón para que aceptásemos as boas noticias. Entón, empezamos a poñer fe en Xesús coa esperanza de obter vida eterna (le 1 Xoán 4:9, 10).

3 Pero, que é a fe exactamente? Consiste só en coñecer as bendicións que Xehová ten preparadas para nós? E, o máis importante, de que xeito debemos demostrar a nosa fe?

DEMOSTRA FE “CO CORAZÓN”

4. Explica por que ter fe é máis ca un proceso mental.

4 A fe implica moito máis que só comprender o propósito de Deus. É unha forza poderosa que motiva as persoas a facer a vontade del. A fe en Xesús, o medio que Deus dispuxo para a salvación, impulsa a un crente a falar cos demais das boas noticias. O apóstolo Paulo explicou: “Se coa boca declaras publicamente que Xesús é o Señor e co corazón demostras fe en que Deus o levantou de entre os mortos, serás salvado. Porque co corazón se demostra a fe que leva á xustiza, pero coa boca faise a declaración pública que leva á salvación” (Rm. 10:9, 10, TNM; 2 Cor. 4:13).

5. a) Por que é tan importante a fe? b) Como podemos mantela forte? Pon un exemplo.

5 Está claro que a posibilidade de desfrutar de vida eterna no novo mundo de Deus depende de que teñamos fe e de que a manteñamos forte. Ó igual que unha planta necesita auga, a nosa fe necesita coidados para manterse saudable. As plantas naturais, a diferenza das artificiais, non deixan de experimentar cambios. Se se regan con regularidade, seguen crecendo. En caso contrario, murchan e acaban por morrer. O mesmo sucede coa fe. Se non a coidamos, debilítase e morre (Lc. 22:32; Heb. 3:12). Pero se lle damos os coidados necesarios, seguirá viva e non deixará de medrar, e nós estaremos “sans na fe” (Tit. 2:2; 2 Tes. 1:3).

QUE É A FE?

6. En que dúas cousas se centra a fe, segundo Hebreos 11:1?

6 En Hebreos 11:1 (leo) encontramos a definición que dá a Biblia da fe. Alí lemos que a fe se centra en dúas cousas que non vemos: 1) No “que se espera”. Isto podería incluír os sucesos que Deus prometeu para o futuro pero que aínda non sucederon, como por exemplo, o fin da maldade e a chegada do novo mundo. 2) Nas “cousas que non se ven”. Neste contexto, a palabra grega que se traduce “proba convincente” refírese a unha demostración evidente dunha realidade invisible, como a existencia de Xehová, Xesucristo, os anxos e as actividades do Reino celestial (Heb. 11:3). Se a nosa esperanza está viva e cremos nas cousas invisibles das que nos fala a Biblia, demostrarémolo coas nosas palabras e accións, pois sen elas a nosa fe estaría incompleta.

7. Como nos axuda o exemplo de Noé a entender o que significa ter fe? (Ver a imaxe do principio do artigo).

7 Hebreos 11:7 destaca a fe de Noé que, “en recibindo de Deus ordes sobre cousas que aínda non se ollaban, respectuoso con Deus, construíu unha arca para salva-la súa familia” (cursivas nosas). Noé demostrou ter fe ó construír unha arca xigantesca. Seguro que os veciños lle preguntaron por que estaba facendo unha estrutura tan enorme. Pero, quedou calado Noé ou díxolles que se metesen nos seus asuntos? Non, todo o contrario. A súa fe impulsouno a dar testemuño con valor e a avisar a xente de que o castigo de Deus estaba a chegar. É moi probable que repetise o que Xehová lle dixera: “Para min chegou a fin de tódolos seres vivos, pois por culpa deles está a terra chea de crimes. [...] Eu vou mandar un diluvio —as augas— sobre a terra, para acabar coa vida toda de debaixo do ceo: perecerá canto hai na terra”. Seguramente Noé tamén lles explicou ás persoas que a única forma de salvarse era entrando na arca, conforme o mandato de Deus. Desta maneira, Noé tamén demostrou fe ó ser “pregoeiro da xustiza” (Xén. 6:13, 17, 18; 2 Pe. 2:5).

8. Que explicou o discípulo Santiago por inspiración sobre o significado da verdadeira fe cristiá?

8 É probable que Santiago escribise a súa carta pouco tempo despois de que o apóstolo Paulo escribise a carta ós Hebreos. Igual que Paulo, Santiago dixo que a verdadeira fe cristiá non só implica crer; tamén hai que actuar. Escribiu: “Móstrame a túa fe sen feitos que eu polos feitos heiche de mostra-la miña fe” (Sant. 2:18). Despois explicou a diferenza que hai entre crer e demostrar fe. Por un lado falou dos demos. Aínda que estas criaturas cren que Deus existe, non teñen verdadeira fe, e demóstrano opoñéndose ó cumprimento do propósito de Deus (Sant. 2:19, 20). Por outro lado falou da fe dun home da antigüidade e preguntou: “Os feitos xustificaron ó noso pai Abraham, cando ofreceu o seu fillo Isaac enriba do altar, ¿non si? ¿Fíxaste como a fe colabora cos seus feitos e como polos feitos a fe chegou á súa madurez?”. E para destacar o feito de que a fe se debe demostrar con obras, engadiu: “O mesmo que un corpo sen alento está morto, así tamén a fe sen feitos morta está” (Sant. 2:21-23, 26).

9, 10. Como nos axuda o apóstolo Xoán a comprender a importancia de demostrar fe?

9 Máis de tres décadas despois, o apóstolo Xoán escribiu o seu Evanxeo e tres cartas. Entendía el o importante que era a verdadeira fe cristiá? Está claro que si. De feito, foi o escritor bíblico que máis falou da necesidade de demostrar fe.

10 Por exemplo, explicou: “Quen cre no Fillo, ten vida eterna; pero quen non obedece ó Fillo non verá a vida, que a ira de Deus pesa enriba del” (Xn. 3:36). A fe cristiá implica obedecer os mandatos de Cristo. Xoán citou moitas veces das palabras de Xesús que destacan a importancia de demostrar fe, o cal é un proceso constante (Xn. 3:16; 6:29, 40; 11:25, 26; 14:1, 12).

11. Como podemos demostrar que estamos agradecidos por coñecer a verdade?

11 Que agradecidos estamos de que Xehová use o seu espírito santo para revelarnos a verdade e para permitir que demostremos fe nas boas novas! (Le Lucas 10:21) Nunca deberiamos deixar de darlle grazas por atraernos a el por medio do seu Fillo, o “Axente Principal e Perfeccionador da nosa fe” (Heb. 12:2, TNM). Para demostrar que valoramos esa bondade inmerecida, temos que seguir fortalecendo a nosa fe mediante a oración e o estudo da súa Palabra (Ef. 6:18; 1 Pe. 2:2).

Demostra a túa fe predicando as boas noticias en toda oportunidade (ver o parágrafo 12).

12. De que maneiras debemos demostrar fe?

12 Debemos seguir demostrando que temos fe nas promesas de Xehová. E debemos facelo de maneiras que sexan evidentes para outros, como por exemplo, predicando o Reino de Deus e facendo discípulos. Tamén lles facemos “ben a todos, mentres temos tempo, maiormente ós nosos irmáns na fe” (Gál. 6:10). E esforzámonos por espirnos “do home vello cos seus malos feitos” para evitar todo o que nos poida debilitar espiritualmente (Col. 3:5, 8-10).

É NECESARIO TER FE PARA AGRADARLLE A DEUS

13. a) Canta importancia ten a “fe en Deus”? b) A que se compara a fe, e por que é apropiada esa comparación?

13 As Escrituras din: “Sen fe é imposible que un lle agrade a Deus, pois quen quere achegarse a Deus precisa crer que El existe e que recompensa os que o buscan” (Heb. 11:6). A Biblia indica que “a fe en Deus” é parte dos “fundamentos” necesarios para chegar a ser un cristián verdadeiro e non deixar de selo (Heb. 6:1, TNM). Ademais, os cristiáns tamén debemos cultivar outras calidades importantes para manternos “no amor de Deus” (le 2 Pedro 1:5-7; Xds. 20, 21).

14, 15. Canta importancia ten a fe en comparación co amor?

14 A Biblia destaca a importancia que ten a fe ó mencionala centos de veces. Ningunha outra calidade cristiá se cita con tanta frecuencia. Significa isto que esta é a calidade máis importante para un cristián?

15 Paulo comparou a fe co amor. El dixo: “Por moito que [...] tivese tanta fe que movese os montes, se non tiver amor, non sería nada” (1 Cor. 13:2). Xesús destacou que o amor a Deus é a calidade máis importante cando respondeu a pregunta “Cal é o mandamento máis importante da Lei?” (Mt. 22:35-40). Ademais, hai unha relación moi estreita entre o amor e a fe. A Biblia di que “o amor [...] fíase sempre”. Iso significa que, se amamos a Deus, teremos fe no que el dixo na Biblia (1 Cor. 13:4, 7).

16, 17. a) Por que a fe e o amor se mencionan xuntos con frecuencia nas Escrituras? b) Cal destas dúas calidades é maior, e por que?

16 Debido á importancia da fe e do amor, estas dúas calidades menciónanse xuntas con frecuencia nas Escrituras Gregas Cristiás. Por exemplo, Paulo animou os seus irmáns a poñerse a “coiraza da fe e o amor” (1 Tes. 5:8, TNM). Pedro, falando de Xesús, escribiu: “A quen amades sen o terdes visto; en quen credes, aínda sen o ver” (1 Pe. 1:8; cursivas nosas). Santiago fíxolles a seguinte pregunta ós seus irmáns unxidos: “Seica non escolleu Deus os pobres deste mundo para seren ricos na fe e herdeiros do Reino que Deus prometeu ós que o aman?” (Sant. 2:5; cursivas nosas). E Xoán escribiu: “Isto é o que El manda: que creamos no seu Fillo Xesús Cristo e que nos queiramos ben uns ós outros” (1 Xn. 3:23; cursivas nosas).

17 Aínda que a fe é esencial, algúns dos seus aspectos deixarán de existir cando se cumpran as promesas de Deus e a nosa esperanza cristiá se faga realidade. En cambio, nunca deixará de ser necesario que siga crecendo o noso amor a Deus e ó próximo. Por iso, Paulo escribiu: “En resumo: hai tres cousas que permanecen: a fe, a esperanza, e o amor. Pero delas a meirande é o amor” (1 Cor. 13:13).

UNHA AUTÉNTICA DEMOSTRACIÓN DE FE

18, 19. Que demostración evidente de fe vemos hoxe, e de quen é o mérito?

18 O pobo de Xehová da actualidade demostra fe no Reino establecido por Deus. Como resultado, hoxe existe un paraíso espiritual con máis de oito millóns de habitantes por todo o mundo. Neste paraíso abunda o froito do espírito de Deus (Gál. 5:22, 23). Sen dúbida, é unha demostración evidente do amor e fe dos cristiáns verdadeiros.

19 Este paraíso espiritual non é mérito de ningún ser humano. É o noso Deus quen merece todo o mérito. Esta extraordinaria obra dá gloria a Xehová e é un “sinal eterno que non desaparecerá” (Is. 55:13). Ademais, ser salvados “mediante a fe [...] é don de Deus” (Ef. 2:8). O noso paraíso espiritual seguirá crecendo e prosperando ata que toda a Terra estea chea de persoas perfectas, xustas e felices que louvarán o nome de Xehová para sempre. Mentres non chega ese día, non deixemos de demostrar fe nas promesas de Xehová.