Concorda a Biblia coa ciencia?
O que di a Biblia
Si. Malia que a Biblia non é un libro de ciencia, si que é exacta cando fala de temas científicos. Imos ver varios exemplos que demostran que a ciencia e maila Biblia concordan, e que os datos científicos que contén eran moi distintos ó que a xente cría daquela.
O Universo tivo un principio (Xénese 1:1). Pola contra, moitos mitos antigos dicían que o Universo non fora creado, senón que se formou do caos que xa existía. Pola súa banda, os babilonios crían que os deuses que crearan o Universo viñan de dous océanos. E outras lendas dicían que o Universo saíra dun ovo xigante.
O Universo réxese por leis naturais que son racionais (Xob 38:33; Xeremías 33:25). En troques, por todo o mundo había mitos que ensinaban que os humanos estaban indefensos ante os feitos imprevisibles, e mesmo crueis, de deuses caprichosos.
A Terra está pendurada no espazo sobre o nada (Xob 26:7). Moitas culturas antigas pensaban que o Universo era un disco plano e que estaba apoiado sobre un xigante ou un animal, coma un búfalo ou unha tartaruga.
A auga que se evapora dos océanos e doutras masas de auga volve caer en forma de choiva, neve ou sarabia, alimentando así os ríos e as fontes (Xob 36:27, 28; Eclesiastés 1:7; Isaías 55:10; Amós 9:6). Os gregos crían que os ríos se alimentaban das augas subterráneas que viñan do mar. Esta crenza perdurou ata o século XVIII.
As montañas aumentan e diminúen de tamaño. As que existen hoxe estiveron nalgún tempo debaixo do mar (Salmo 104:6, 8). Pola contra, varios mitos dicían que os deuses as crearan tal e como as vemos hoxe.
As medidas de hixiene protexen a saúde. A Lei que Deus lles deu ós israelitas incluía normas como lavar as mans logo de tocar un cadáver, poñer en corentena os que tiñan enfermidades contaxiosas e desfacerse dos excrementos humanos dun xeito hixiénico (Levítico 11:28; 13:1-5; Deuteronomio 23:14 [23:13, NM]). Isto contrasta cos remedios que usaban os exipcios daquela época. Por exemplo, para sandar unha ferida aberta aplicábanlle unha mestura que contiña excrementos humanos.
Contén a Biblia erros científicos?
Se a analizamos de xeito obxectivo veremos que non os ten. Imos ver algunhas das ideas equivocadas máis estendidas sobre a exactitude científica da Biblia.
Idea equivocada. A Biblia di que o Universo foi creado en seis días de 24 horas.
Realidade. A Biblia non especifica o momento exacto no que Deus creou o Universo (Xénese 1:1). Ademais, os días da creación dos que fala o capítulo 1 da Xénese son períodos de tempo cunha duración indeterminada. De feito, a Biblia chámalle “Día” a todo o período no que “Yaveh Deus fixo a terra e máis os ceos” (Xénese 2:4, Sagra Biblia en Galego, 1975).
Idea equivocada. A Biblia di que a vexetación se creou antes de que existise o Sol e fixese posible a fotosíntese (Xénese 1:11, 16).
Realidade. A Biblia di que o Sol, unha das estrelas que hai no ceo, se creou antes cá vexetación (Xénese 1:1). Durante o primeiro día, ou período da creación, chegaba moi pouca luz do Sol á superficie da Terra. Pero a medida que a atmosfera foi clareando a luz tornouse máis intensa e, durante o terceiro día, fixo posible a fotosíntese (Xénese 1:3-5, 12, 13). E co tempo o Sol púidose ver con claridade dende a superficie da Terra (Xénese 1:16).
Idea equivocada. A Biblia di que o Sol xira arredor da Terra.
Realidade. Eclesiastés 1:5 di: “Sae o sol, ponse o sol, volta sen folgos ó seu posto; de alí torna a xurdir”. Pero, en realidade, este texto simplemente describe o movemento do Sol dende a perspectiva de alguén que está na Terra. Inda agora se usan as expresións saír e poñerse o Sol malia que sabemos que a Terra xira arredor del.
Idea equivocada. A Biblia di que a Terra é plana.
Realidade. Cando a Biblia fala dos “confíns da terra” refírese á parte máis afastada, pero non implica que teña unha beira (Feitos 1:8). Do mesmo xeito, a expresión “catro bandas do mundo” é unha metáfora que fai referencia a toda a superficie da Terra. Na actualidade podemos empregar unha figura semellante ó falar dos catro puntos cardinais (Isaías 11:12; Lucas 13:29).
Idea equivocada. A Biblia di que a circunferencia do círculo é exactamente tres veces o seu diámetro, pero o valor correcto é pi (π), arredor de 3,1416.
Realidade. En 1 Reis 7:23 dise que as medidas do “Mar de Bronce” son de 5 metros de diámetro e 15 metros de circunferencia. Pero pode ser que estas medidas estivesen redondeadas. Tamén é posible que as medidas se referisen ó diámetro externo (incluíndo o grosor) e á circunferencia interna (sen incluír o grosor) do recipiente.