Ir ó contido

TEXTOS BÍBLICOS EXPLICADOS

Proverbios 16:3 | “Deixa todo o que fagas nas mans de Xehová”

Proverbios 16:3 | “Deixa todo o que fagas nas mans de Xehová”

 “Ofréndalle ó Señor os teus feitos, para que os teus proxectos saian ben” (Proverbios 16:3, A Biblia, SEPT).

 “Deixa todo o que fagas nas mans de Xehová, e os teus plans sairán ben” (Proverbios 16:3, Tradución do Novo Mundo).

Significado de Proverbios 16:3

 Este proverbio asegúralles ós que adoran o Deus verdadeiro que tódolos seus plans sairán ben se demostran que confían nel buscando a súa guía.

 “Deixa todo o que fagas nas mans de Xehová”. Antes de tomar calquera decisión, os servos de Xehová a buscan a súa guía con humildade (Santiago 1:5). Por que? Por un lado, porque as persoas teñen pouco ou ningún control sobre as cousas que lles pasan na vida (Eclesiastés 9:11; Santiago 4:13-15). E por outro lado, pode que lles falte sabedoría para cumprir o que se propoñen. Por estas razóns, moitas persoas demostran sabedoría ó deixar os seus plans nas mans de Deus. Como se fai isto? Pedíndolle a Deus guía en oración e actuando de acordo coa súa vontade, é dicir, co que explica a Biblia (Proverbios 3:5, 6; 2 Timoteo 3:16, 17).

 A expresión “deixa todo o que fagas nas mans de Xehová” significa literalmente “fai rodar as túas obras cara a Xehová”. Segundo unha obra de consulta, esta expresión describe “un home que pasa unha carga dende as súas costas a outra persoa máis forte que pode coa carga”. b As persoas humildes que confían en Deus poden estar seguras de que el lles vai axudar e soster (Salmo 37:5; 55:22 [55:23, TNM]).

 A expresión “todo o que fagas” non significa que Deus aprobe ou bendiga tódolos plans que as persoas poidan ter. Para que unha persoa teña a bendición de Deus, os seus plans deben estar de acordo cos principios e coa vontade de Deus (Salmo 127:1; 1 Xoán 5:14). Deus non bendice a desobediencia, de feito, “extravía os camiños dos malvados” (Salmo 146:9). Ó mesmo tempo, apoia os que obedecen as normas que atopamos na Biblia (Salmo 37:23).

 “E os teus plans sairán ben”. Algunhas Biblias traducen esta expresión como “os teus plans serán establecidos”. Nas Escrituras Hebreas, tamén coñecidas como o Antigo Testamento, a palabra que se traduce en galego como establecido transmite a idea de sentar a base, e a miúdo se refire á estabilidade das cousas que Deus creou (Proverbios 3:19; Xeremías 10:12). Do mesmo xeito, Deus vai establecer con firmeza os plans dos que fan o que está ben segundo o seu punto de vista e vai axudarlles a ter unha vida segura, estable e feliz (Salmo 20:4 [20:5, TNM]; Proverbios 12:3).

Contexto de Proverbios 16:3

 Este proverbio escribiuno o rei Salomón xunto coa maior parte do libro de Proverbios. El puido escribir miles de proverbios grazas á sabedoría que lle deu Deus (1 Reis 4:29, 32 [5:9, 12, TNM]; 10:23, 24).

 No capítulo 16, Salomón empeza louvando a sabedoría de Xehová e explicando o moito que Deus odia as persoas orgullosas (Proverbios 16:1-5). Despois, o capítulo leva o lector a unha conclusión importante que se destaca varias veces neste libro: os humanos só poden chegar a ser sabios de verdade se son humildes e deixan que Deus os guíe (Proverbios 16:3, 6-8, 18-23). Esta verdade fundamental repítese ó longo da Biblia (Salmo 1:1-3; Isaías 26:3; Xeremías 17:7, 8; 1 Xoán 3:22).

 Para ter unha idea xeral do contido do libro de Proverbios, mira este pequeno vídeo.

a Xehová é o nome persoal de Deus. Este nome tamén pode traducirse como Iavé (Isaías 42:8). Le o artigo “Quen é Xehová?”.

b The Bible Commentary: Proverbs-Ezekiel, editado por F. C. Cook.