PREGUNTAS DA XUVENTUDE
Meus pais non me deixan usar as redes sociais. Que podo facer?
Pode que os teus amigos usen as redes sociais e anden falando delas todo o tempo. Incluso pode que se burlen de ti porque non tes ningunha conta. Que deberías saber sobre este tema? E que podes facer ti?
O que debes saber
Non es o único. Moitos pais non lles deixan usar as redes sociais ós seus fillos porque saben dalgúns dos seus efectos negativos:
depresión e outros problemas de saúde mental.
exposición á pornografía, sexting e ciberacoso.
malentendidos e problemas cos amigos.
Moitos mozos deixaron de usar as redes sociais. Déronse conta por eles mesmos que lles facían máis mal que ben. Pensa nos seguintes exemplos da vida real:
Priscilla deuse conta de que as redes sociais lle estaban quitando moito do tempo que podería usar noutras cousas máis produtivas.
Jeremy non podía controlar o contido inapropiado que aparecía nas súas redes, e iso non lle gustaba nada.
Bethany deuse conta de que pensaba demasiado no que facían as outras persoas.
“Tomei a decisión de borrar as redes socias e non me arrepinto. Non o boto en falta. De feito, agora teño máis tempo para concentrarme no que é máis importante para min” (Sierra).
“Deime conta de que as redes sociais poden ser moi aditivas e tamén do moito que me preocupaba a reacción da xente ó que eu publicaba. Non foi sinxelo tomar a decisión de borrar as miñas redes sociais. Pero cando o fixen, sentín un alivio inmediato. Estou moito máis tranquila sen elas” (Kate).
O que podes facer
Respecta as normas dos teus pais. Demóstralles que es unha persoa madura e que podes vivir segundo as súas normas sen enfadarte nin tampouco andar queixándote.
Principio bíblico: “O parvo déixase levar de calquera impulso, mais o sabio reprímeo e acálmao” (Proverbios 29:11).
Pode que alguén che recomende ter unha conta secreta ou usar as redes sociais sen dicirllo a teus pais. Iso sería un erro! Se o fas terás ansiedade e vaste sentir culpable. É máis, se te descobren, terás problemas e pode que deixen de confiar en ti.
Principio bíblico: “Queremos portarnos decentemente en todo” (Hebreos 13:18).
Toma a túa decisión. Igual que os rapaces dos que falamos arriba, ti tamén deberías ser capaz de pensar nalgunhas razóns para non usar as redes sociais. Se tes claro que non é o mellor para ti, evita usalas, pero non só porque cho digan teus pais, senón porque tamén é a túa propia decisión. Desta maneira, cando os teus compañeiros che pregunten por que non usas as redes sociais, non sentirás vergonza e será menos probable que se burlen de ti.
En resumo: respecta a teus pais e chegade a un acordo para que a súa decisión sexa tamén a túa. Polo de agora descubrirás que podes vivir sen redes sociais.