Ir ó contido

PREGUNTAS DA XUVENTUDE

Saír con alguén| Parte 3: Deberiamos cortar?

Saír con alguén| Parte 3: Deberiamos cortar?

 Levas saíndo con alguén un tempo, pero empezas a ter dúbidas. Deberías continuar coa relación ou cortar? Este artigo está deseñado para axudarche a decidir.

Neste artigo imos ver:

 Como afrontar as dúbidas

 Despois de estar saíndo con alguén por un tempo, un home e unha muller poden darse conta de que son máis diferentes do que pensaban. Por exemplo:

  •   A un gústalle a praia e o outro prefire o sendeirismo.

  •   Un é moi sociable e o outro é tímido.

  •   A miúdo un non di a verdade e o outro sempre é honesto.

 Cada unha destas situacións é diferente. A primeira está relacionada con distintos gustos; a segunda con distintas personalidades; a terceira con distintos valores.

 Pensa nisto: Se te foses casar, cal destas tres diferenzas che sería máis difícil xestionar? En que caso che sería máis fácil ceder?

 Unha parella pode ter distintos gustos ou personalidades e aínda así pode ter un matrimonio feliz. Despois de todo, ser compatibles non significa ser idénticos. Nalgúns casos, un home e unha muller poden aprender a interesarse polo que lle gusta ó outro ou mesmo poden beneficiarse das calidades da outra persoa. a

 Agora ben, é fundamental que a persoa coa que cases teña os mesmos valores ca ti, os mesmos valores espirituais, morais e éticos. Se non é así, iso é un sinal claro de que deberías terminar a relación.

 Por exemplo, imaxina que tedes distintos valores relixiosos. Que podería pasar? O libro Fighting for Your Marriage b di: “Os estudos demostran que as parellas que non comparten a mesma relixión teñen máis probabilidades de divorciarse”.

 Principio bíblico: “Non vos poñades baixo un xugo desigual cos non crentes” (2 Corintios 6:14, TNM).

 Que decisión tomar

 A Biblia di que os que casen “terán problemas nesta vida” (1 Corintios 7:28, Novo Testamento, Wycliffe Asociados). Por iso, non sería estraño que tiveses xa algún desacordo mentres estás saíndo con alguén.

 Os pequenos problemas non significan que a relación non vaia acabar ben. Pero, podedes resolvelos de forma pacífica? Sen dúbida, se decidides casar ides necesitar esta habilidade.

 Principio bíblico: “Sede bondadosos e misericordiosos uns cos outros, perdoándovos mutuamente” (Efesios 4:32).

 Por outra banda, rifar a miúdo ou ter discusións graves pode indicar que non sodes compatibles. De ser así, é mellor darse conta antes de casar!

Rifar a miúdo ou ter discusións graves pode indicar que non sodes compatibles.

 En resumo: Se tes serias dúbidas sobre a persoa coa que estás saíndo ou se non estás seguro de estar preparado para casar, non o pases por alto!

 Principio bíblico: “O prudente ve o perigo e escóndese, pero os inexpertos seguen adiante e sofren as consecuencias” (Proverbios 22:3, TNM).

 Se decides cortar a relación

 Cortar unha relación pode causar moita dor. Aínda así, se algún dos dous ten serias dúbidas pode ser a mellor opción.

 Como deberías facelo? A menos que teñas unha boa razón, non rompas unha relación por correo electrónico ou mensaxe de texto. Máis ben, escolle un lugar e un momento axeitados para falar xuntos sobre este asunto tan importante.

 Principio bíblico: “Dicide a verdade cada un ó seu próximo” (Zacarías 8:16).

 Romper unha relación significa que fracasaches? En absoluto. Lembra que saír con alguén vaiche axudar a decidir se vas casar ou non. Aínda se a relación acaba, podes aprender valiosas leccións desa experiencia.

 Pregúntate: “Que aprendín sobre min durante esta relación? Ensinoume algunhas cousas nas que necesito mellorar antes de estar preparado para casar? Que faría distinto se volvese saír con alguén?”.

a Para entender mellor como poden estas diferenzas afectarlle a un matrimonio, podes ler os artigos “Ayuda para las familias: Cuando parece que son incompatibles” e “Ayuda para las familias: Busque el lado bueno de las cosas que le molestan”.

b Escrito por Howard J. Markman, Scott M. Stanley e Susan L. Blumberg.