Unha inundación que trouxo boas noticias
En 2017, unha ducia de testemuñas de Xehová embarcaron na Costa dos Mosquitos, unha rexión de Nicaragua. O seu barco chamábase Sturi Yamni. Un membro da tripulación chamado Stephen conta: “O noso obxectivo era animar un pequeno grupo de testemuñas de Xehová que vivían nunha área afastada e axudarlles a predicar as boas noticias da Biblia na súa inmensa zona de predicación”.
As 12 testemuñas de Xehová comezaron en Laguna de Perlas o seu percorrido de 200 quilómetros polo río Grande de Matagalpa. Inda non sabían que o nome do seu barco, que significaba “boas noticias” no idioma miskito, tería un significado especial para a xente que vive nas marxes do río. Despois dunhas doce horas de viaxe, sen contar o tempo que pararon á noite, as testemuñas de Xehová chegaron ó seu destino: a comunidade de La Cruz de Río Grande. As 6 testemuñas de Xehová da localidade recibiron con moito agarimo os seus irmáns espirituais.
Aquela noite desatouse un desastre. Unha impresionante tormenta descargou fortes chuvias nas cabeceiras do río Grande de Matagalpa. Nunhas poucas horas, o río desbordouse e o seu nivel continuou medrando durante dous días. O Salón do Reino e moitas casas de La Cruz asolagáronse. As testemuñas de Xehová que estaban de visita axudáronlle á xente do lugar a evacuar as casas. A maioría pasaron as dúas noites seguintes nunha casa de dúas plantas propiedade dunha testemuña de Xehová.
A terceira noite, o alcalde de La Cruz pediulles axuda ás testemuñas de Xehová. Xa que o Sturi Yamni era o único barco suficientemente resistente que podía navegar polo río inundado, o alcalde pediulle á tripulación que transportase un equipo de socorristas río abaixo para axudar a outras comunidades afectadas. As testemuñas de Xehová aceptaron cooperar con moito gusto.
A maña seguinte, 3 testemuñas de Xehová partiron co equipo de socorristas. Stephen lembra: “O río estaba moi bravo. Arrastraba enormes árbores arrincadas de raíz; había moitos remuíños e o río fluía a máis de 18 quilómetros por hora”. Malia as tremendas condicións, o barco conseguiu chegar a tres comunidades.
As 3 testemuñas de Xehová aproveitaron a ocasión para animar os aldeáns. Tamén distribuíron exemplares dun número da revista Despertade! de 2017 moi axeitado, xa que se titulaba: “Cuando golpea un desastre. Qué hacer para sobrevivir”.
Os veciños das comunidades fluviais agradeceron moitísimo a axuda práctica e espiritual que lles prestaron as testemuñas de Xehová. Algúns veciños dixeron: “Están dispostos a axudar nos momentos difíciles”. E outros engadiron: “Téñenche verdadeiro amor pola xente”. Despois de veren o esforzo que fixeron as testemuñas de Xehová para axudar os seus compañeiros de crenza e outras persoas, moita xente do lugar estivo máis disposta a escoitar a reconfortante mensaxe da Biblia.
Marco, un dos membros da tripulación, abandona o Sturi Yamni para falarlle das boas noticias da Biblia á xente do lugar.
O Sturi Yamni atracou nunha vila asolagada.