Ofrecéronse de boa gana para predicar en Albania e Kosovo
“Nunca imaxinei que podería facer tanto por Xehová”. Isto é o que di Gwen, que naceu en Inglaterra, cando explica como se sente por mudarse para unha zona de Albania onde hai unha gran necesidade de publicadores. a
Gwen é unha das moitas testemuñas de Xehová que se mudaron para Albania para axudar a xuntar “as cousas valiosas de tódalas nacións” (Axeo 2:7, TNM). Que as motivou a facer isto? Que axustes tiveron que facer para poder mudarse? E que alegrías lles axudaron a aguantar a pesar dos desafíos?
Diferentes circunstancias, un mesmo desexo
Tódolos publicadores que foron a Albania a axudar teñen a mesma motivación: aman a Xehová e queren axudarlles a outros a coñecelo.
Antes de mudarse, fixeron algúns cambios para ampliar o seu ministerio e isto axudoulles a afrontar os desafíos de servir noutro país. Gwen di: “Primeiro estiven nun grupo albanés da miña cidade e despois fun a un congreso en Albania. Máis tarde, volvín alí durante un tempiño para aprender mellor o idioma”.
Cando tiña 23 anos, Manuela mudouse para unha zona diferente do seu país, Italia, para axudar nunha congregación pequena. Ela conta: “Estiven alí catro anos. Entón escoitei que había moito que facer en Albania. Así que fixen plans para ir alí como pioneira durante uns meses”.
Federica tiña tan só sete anos cando escoitou un informe sobre Albania nun congreso. Ela di: “O irmán que deu o informe dixo que os publicadores en Albania estaban comezando moitos cursos da Biblia e que as persoas ían ás reunións. Empecei a dicirlles ós meus pais que quería ir a Albania. Iso colleunos por sorpresa. Pero meu pai dixo: ‘Pois ora sobre iso, e se é o que Xehová quere, contestarache’. Uns poucos meses máis tarde invitaron a nosa familia a servir en Albania”. Xa pasaron moitos anos e Federica agora está casada con Orges. Os dous seguen en Albania no servizo a tempo completo.
Gianpiero mudouse para Albania coa súa muller, Gloria, despois de xubilarse. El comenta: “Criamos os nosos fillos en Italia. Tres deles mudáronse para outro país para predicar onde se necesitaban máis publicadores. Un artigo de La Atalaya titulado ‘Puede usted pasar a Macedonia?’ chegounos ó corazón. Parámonos a botar contas para ver como podiamos usar a miña pensión para servir en Albania”.
Fixeron bos plans
Antes de mudarse para un sitio onde se necesitan máis publicadores, hai que facer bos plans e algúns axustes (Lucas 14:28). Entre outras cousas, hai que conseguir suficientes cartos para manterse. Gwen, mencionada antes, mudouse coa súa irmá para aforrar algúns cartos cando aínda estaba en Inglaterra. Sophia e Christopher, que tamén son de Inglaterra, recordan: “Vendemos o coche e algúns mobles. Contabamos con estar en Albania polo menos un ano”. E ó final puideron quedar moito máis tempo.
Algúns publicadores están en Albania durante uns meses, regresan ó seu país para traballar e aforrar, e despois volven outra vez a Albania. Isto é o que fan Eliseo e Miriam. Eliseo explica: “Miriam é dunha zona turística de Italia onde é moi fácil atopar traballos temporais. Imos alí e traballamos tres meses no verán, e despois vivimos os outros nove meses en Albania con eses aforros. Fixemos isto durante cinco anos”.
Superaron os desafíos
Despois de mudarse para un sitio onde se necesitaban máis publicadores, tiveron que adaptarse ás novas circunstancias. Pero o exemplo e os consellos dos irmáns da zona axúdanlles a superar os desafíos. Sophia, da que falamos antes, di: “No inverno as casas son moito máis frías en Albania que onde vivía antes. Ó ver como visten as irmás aquí, aprendín a vestir doutra forma”. Grzegorz e a súa muller Sona viñeron dende Polonia para axudar na bonita cidade de Prizren, en Kosovo. b Grzegorz comenta: “Aquí os irmáns son moi humildes, amables e pacientes. Axúdannos a aprender o idioma e a moitas outras cousas. Por exemplo, dinnos en que tendas podemos atopar os mellores prezos e como comprar comida no mercado”.
Moitas razóns para estar alegres
Os que se mudan para outro país desfrutan de facerse bos amigos dos irmáns locais e de aprender sobre a súa cultura. Sona explica: “Puiden ver o poder que ten o amor de Xehová. Os irmáns fortalecen a miña fe porque vexo como cambiaron por completo as súas crenzas e as súas vidas cando aprenderon sobre Xehová. Sentimos que podemos axudar a outros e que temos un sitio na congregación. Servimos con irmáns e irmás que se converteron nos nosos amigos” (Marcos 10:29, 30). Gloria di: “Coñezo moitas irmás que aguantaron oposición moi forte de parte de membros da comunidade que estaban en contra das testemuñas de Xehová. Anímame moito ver canto queren a Xehová”.
Os que se mudan tamén teñen a oportunidade de aprender leccións moi valiosas que quizais non aprenderían no seu país. Por exemplo, ven que saír da súa zona de confort para facer máis por Xehová dá felicidade. Stefano explícao desta maneira: “No meu país a maioría da predicación consiste en presentacións breves a través do interfono. Pero ós albaneses encántalles ter conversacións longas, sobre todo mentres toman café. Como son moi tímido ó principio dábame vergonza e non sabía que dicir. Pero co tempo aprendín a interesarme polas persoas e agora gústame conversar con elas. Desfruto moito máis de predicar”.
Leah mudouse co seu marido William para Albania dende Os Estados Unidos. Ela comenta: “Vir aquí abriu a nosa mente e deunos outra perspectiva. Aprendemos moito sobre a hospitalidade, o respecto e a amizade. Tamén aprendemos novas formas de predicar, de razoar coas persoas e de expresarnos”. William di: “A maioría dos que visitan Albania enamóranse das súas fermosas praias. A min gústame facer sendeirismo pola zona montañosa dos Alpes. Pero o que máis me gusta deste país é a xente. Moitas vilas do noso territorio só se predicaron durante campañas especiais. Cando imos alí, ás veces botamos un día enteiro falando só cun par de familias”.
A razón máis importante pola que están alegres é porque poden ver como responden as persoas ás boas noticias (1 Tesalonicenses 2:19, 20). Laura, que se mudou para Albania sendo unha moza solteira, di: “Estiven un tempo en Fier. En só dous anos e medio, 120 persoas fixéronse publicadoras. E eu estudei con 16 delas!”. Outra irmá chamada Sandra recorda: “Prediqueille a unha muller que traballaba no mercado. Bautizouse e volveu á vila onde nacera. O último que souben dela é que empezara 15 cursos da Biblia!”.
Xehová bendice o seu aguante
Algúns dos que se mudaron para Albania hai anos, aínda están alí e desfrutan moito de todo o que fan por Xehová. Ás veces sorpréndense ó saber que algunhas persoas ás que lles predicaron fixéronse testemuñas de Xehová moitos anos despois (Eclesiastés 11:6). Christopher, mencionado antes, di: “Atopeime cun home co que empezara a estudar a Biblia cando me mudei por primeira vez para Albania. Emocioneime moito ó ver que recordaba detalles das primeiras conversas que tivemos da Biblia. Agora el e a súa muller son testemuñas de Xehová”. Federica, da que falamos antes, comenta: “Nunha congregación, unha irmá veu onda min e preguntoume se me acordaba dela. Díxome que había nove anos que lle predicara. Ela empezara a estudar a Biblia e bautizárase algún tempo despois de que eu me mudara para outra cidade. Eu pensaba que non conseguira nada nos primeiros anos que estiven en Albania. Que equivocada estaba!”.
Os irmáns e irmás que se mudaron para Albania ou para Kosovo danlle moitas grazas a Xehová porque lles deu unha vida feliz e bendiciu os seus esforzos. Despois de moitos anos en Albania, Eliseo resume esta etapa dicindo: “É fácil que nos enganemos pensando que podemos conseguir estabilidade confiando no que este mundo considera estable. Pero iso é unha ilusión. Os principios de Xehová son os que de verdade nos dan estabilidade e un propósito. Servir nun lugar onde fan falta máis publicadores axúdame a recordar isto. Síntome útil e valorado. Teño amigos verdadeiros ó meu lado coas mesmas metas ca min”. Sandra tamén está de acordo e di: “Cando me mudei para onde había máis necesidade, sentín que Xehová me daba a oportunidade de cumprir o meu desexo: ser misioneira. Nunca me arrepentín de mudarme para Albania. Estou máis contenta que nunca”.
a Podes aprender máis sobre a historia da nosa predicación en Albania no Anuario de los testigos de Jehová 2010.
b Kosovo está ó nordeste de Albania. Nesta rexión fálase un dialecto do albanés. Testemuñas de Xehová de Albania, Os Estados Unidos e varios países de Europa ofrecéronse para predicar as boas noticias ás persoas que viven en Kosovo e falan este dialecto. En 2020, había 256 publicadores en oito congregacións, tres grupos e dous pregrupos.