Ir ó contido

Ofrecéronse de boa gana para predicar en Bulgaria

Ofrecéronse de boa gana para predicar en Bulgaria

 As testemuñas de Xehová de Bulgaria están moi ocupadas ensinándolle a outros a verdade sobre Deus e a súa palabra, a Biblia. Para axudalos, centos de testemuñas de outros lugares mudáronse a Bulgaria dende o ano 2000. Cales son os desafíos de trasladarse a predicar a un país estranxeiro e por que paga a pena o esforzo? A continuación podes ler os comentarios dalgúns que decidiron mudarse a Bulgaria.

Puxéronse a meta

 “Sempre tivemos o obxectivo de servir no estranxeiro, nun lugar de necesidade” comenta Darren, que vivía en Inglaterra. “Despois de casar con Dawn, mudámonos a Londres para predicarlles ás persoas de fala rusa. Nalgunha ocasión fixemos plans para mudarnos ó estranxeiro, pero por unha cousa ou outra non chegamos a facelo. Xa case tiñamos descartada a idea cando un amigo nos axudou a ver que as nosas circunstancias cambiaran e que tiñamos a meta ó alcance da man”. Darren e Dawn comezaron a buscar un país que tivese necesidade de predicadores e ó que puidesen mudarse. En 2011 marcharon a Bulgaria.

Darren e Dawn

 A alegría daqueles que se mudaron a outros lugares anima os que nun principio non tiñan ese obxectivo. “Coñecín testemuñas que predicaban con moito entusiasmo e que foron moi felices servindo en América do Sur e en África” comenta Giada, quen vive en Italia con Luca, o seu home. “Conmoveume a alegría e as experiencias que contaban. Isto axudoume a axustar as miñas metas no servizo a Xehová”.

Luca e Giada

 En 2015 Tomasz e Veronika mudáronse dende a República Checa ata Bulgaria xunto cos seus dous fillos, Klara e Mathias. Que os motivou a facer este cambio? Tomasz explica: “Analizamos con coidado o exemplo doutros, algúns deles familiares nosos, que tamén se trasladaran ó estranxeiro e meditamos nalgunhas das súas experiencias. A súa felicidade tocounos o corazón; falamos moito diso na casa”. Agora esta familia é moi feliz predicando no seu novo territorio na cidade búlgara de Montana.

Klara, Tomasz, Veronika, e Mathias

 Linda é outra testemuña de Xehová que se mudou a Bulgaria. Ela comenta: “Fai anos estiven de visita en Ecuador onde coñecín irmáns que se mudaran alí para predicar. Aquilo fíxome pensar que quizais algún día eu tamén podería servir onde houbese máis necesidade de predicadores”. Petteri e Nadja, un matrimonio de Finlandia, tamén reflexionaron no exemplo doutros. Eles explican: “Na nosa congregación de orixe temos varios publicadores de experiencia que se mudaron a outros lugares para ensinarlles da Biblia ás persoas. Sempre falaban con entusiasmo daquela época e dicían que foran os mellores anos das súas vidas”.

Linda

Nadja e Petteri

Preparáronse

 A boa planificación é fundamental para aqueles que desexan servir no estranxeiro (Lucas 14:28-30). “Cando comecei a pensar en serio iso de servir noutro país, púxenme a orar e a buscar artigos sobre o tema. Estudeinos tratando de ver que cambios tiña que facer para poder mudarme” lembra Nele, de Bélxica.

Nele (dereita)

 Kristian e Irmina, de Polonia, viviron en Bulgaria por máis de 9 anos. Déronse conta de canto lles axudou servir nun grupo de fala búlgara en Polonia, antes de trasladarse ó estranxeiro. Estar nese grupo animounos moito e axudoulles a aprender a lingua. Kristian e Irmina comentan: “Démonos conta do fermoso que é facerse dispoñible e ver como Xehová coida de ti. Cando lle dis a Xehová ‘Aquí estou, mándame a min’, chegas a facer cousas que nunca pensaches que serían posibles” (Isaías 6:8).

Kristian e Irmina

 Reto e Cornelia, un matrimonio de Suíza, decidiron simplificar a súa vida para aforrar cartos e estar preparados para mudarse. Eles explican: “Un ano antes de marchar estivemos unha semana en Bulgaria para ter unha mellor idea do que sería vivir alí. Falamos cun matrimonio de misioneiros e déronnos moi bos consellos”. Reto e Cornelia puxeron en práctica os consellos e xa levan máis de vinte anos servindo en Bulgaria.

Cornelia e Reto cos seus fillos, Luca e Yannik

Superaron os retos

 Os que decidiron mudarse a un país estranxeiro tiveron que adaptarse a novas circunstancias e quizais facer fronte a retos (Feitos 16:9, 10; 1 Corintios 9:19-23). Para moitos o maior obstáculo é aprender un novo idioma. “Sempre desfrutamos de facer comentarios coas nosas propias palabras nas reunións. Pero por un tempo, para min e para a miña muller foi moi difícil preparar tan só un comentario sinxelo en búlgaro. Foi como ser un neno outra vez. De feito, os comentarios dos nenos eran moito mellores que os nosos!” di Luca, do que falamos antes.

 Ravil, de Alemaña, comenta: “Aprender o idioma foi moi esgotador, mais eu pensaba ‘É mellor non tomar tan en serio os erros, senón collelos con humor’. Vexo os desafíos como parte do meu servizo a Xehová, non coma problemas”.

Ravil e Lilly

 Linda tamén di: “Aprender un novo idioma non é o meu. O búlgaro non é nada fácil, de feito pensei moitas veces en deixalo. Sénteste moi só cando non podes falar con outros ou cando non entendes o que din. Por iso, para manter forte a miña amizade con Xehová, estudaba todiño en sueco. Co tempo e coa axuda dos irmáns puiden aprender o idioma”.

 Outro desafío podería ser a morriña, xa que os que se mudan deixan familia e amigos no seu país de orixe. Eva trasladouse a Bulgaria co seu home, ela lembra: “Ó comezo sentíame soa. Así que para facerlle fronte a ese sentimento, falabamos moito cos amigos, coa familia e tamén fixemos novos amigos en Bulgaria”.

Yannis e Eva

 Trasladarse tamén ten outros retos. Robert e Liana, que eran de Suíza, explican: “A lingua e a cultura foron un auténtico desafío para nós. Tampouco estabamos preparados para invernos tan fríos”. Non obstante, manter un punto de vista positivo e sentido do humor axudoulle a este matrimonio a servir en Bulgaria durante os pasados 14 anos.

Robert e Liana

As bendicións

 Lilly recomenda mudarse a predicar onde haxa máis necesidade. Ela recoñece: “Puiden ver a man de Xehová de maneiras que probablemente nunca chegase a ver se quedara no meu país de orixe. Estar máis ocupada axudando a outros, valeume para estreitar a miña amizade con Xehová e deume moita alegría e satisfacción”. O seu home, Ravil, asegura: “Non hai vida mellor. É unha oportunidade única de coñecer irmáns doutros países con moita experiencia e entusiasmo ó ensinar a outros as boas noticias da Biblia. Aprendín moito deles”.

 O desexo de axudar e facerse dispoñibles que demostraron moitos irmáns axudou a que se predique a “Boa Nova do Reino en todas partes” (Mateo 24:14). Grazas á súa disposición, os que se mudaron a Bulgaria puideron ver como Xehová lles concedeu os desexos do seu corazón e fixo que tódolos seus plans tiveran éxito (Salmo 20:2-5 [1-4, TNM]).